Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 15/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Banca reclama, na mesa negociadora do II convenio de Contact Center, unha suba salarial lineal de 540 euros

Solicitou un posicionamento contra a deslocalización de Vodafone, que só foi apoiado pola CGT
A federación de Banca da CIG pediu, o pasado venres día 12 de febreiro, na xuntanza da Mesa Negociadora do II convenio de Contact Center (antes telemarketing), unha suba lineal de 540 euros e que se cumpra a pactada no anterior convenio, do 2,25%, incluíndo unha cláusula que non obrigue aos traballadores/as do sector a devolver diñeiro se a sentenza do Tribunal Supremo fose favorábel ás empresas. Alén diso, denunciou a outros sindicatos que “protestaron” polo impago e agora piden subas do 1% para este ano, mentres que nas súas plataformas volven ligar o salario ao IPC.

Como punto previo á reunión, a CIG solicitou un posicionamento contrario á deslocalización de Vodafone, que só foi apoiado pola CGT, porque CCOO e UGT consideraron que é un problema legal que non corresponde á mesa negociadora.

Xa na mesa negociadora, a federación de banca da CIG solicitou que se poidan negociar convenios a nivel galego e de empresa que “podan mellorar as condicións laborais de xeito pactado” e presentou a súa plataforma coas reivindicacións básicas para negociar o novo convenio.

Incremento de 540 euros lineais

En materia de salarios reclámase unha suba lineal de 540 euros e a creación dun complemento por antigüidade de 50 euros por paga, a cobrar a partir dos 5 anos na empresa. Neste sentido, a representación da CIG matizou que a central sindical non está vinculada ao acordo interconfederal asinado por CCOO, UGT e a patronal, que limita os incrementos para 2010 a entre o 0 e o 1%.

Ademais, denunciou que logo de 11 anos, o sector non se pode considerar en vías de consolidación porque a temporalidade é inaceptábel e exixiu que se “acote á causalidade só para casos moi concretos”.

Canto aos despedimentos colectivos, na plataforma especifícase que “deben ampararse na lexislación básica, desaparecendo as excepcións que contempla o convenio”.

Respecto da xornada saliéntase que é preciso reducir o tempo de traballo para crear emprego. Por iso reivindican a xornada de 35 horas sen rebaixa salarial. “Así mesmo reivindicamos medidas básicas para ampliar o tempo de descanso”, subliñan no texto.

Carreira profesional

CIG-Banca criticou que a comisión creada non serviu para nada e demandou a redefinición do catálogo de postos neste convenio “sen máis dilación”. Aposta pola creación de 2 novas categorías: teleoperador de 1ª e xestor/a de 1ª cun incremento salarial do 4% sobre as táboas actuais.

As próximas reunións están fixadas para os días 5 e 16 de marzo. Na prevista para o día 5 de marzo, CIG-Banca introducirá aspectos como incentivos, pluses e tempo de traballo.

Documentos
Plataforma CIG II Convenio Contact Center.pdf
cig.prensa@galizacig.com