Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 15/2/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Banca reclama a implicación da Xunta de Galiza para dar solución aos problemas do sistema financeiro galego

Delegados/as do Banco Pastor e Novagalicia Banco concéntranse diante do Parlamento
Delegados e delegadas da CIG-Banca, do Banco Pastor e de Nova Galicia Banco, concentrábanse esta mañá diante do Parlamento para exixir da Xunta de Galiza que se implique nas solucións a dar ás entidades financeiras galegas, por mor dos problemas xerados tras do anuncio de de Guindos de reformar o sistema financeiro e tras aprobarse a reforma laboral. “Están en xogo, non só estas entidades, senón o noso propio sistema financeiro”, explica Clodomiro Montero, quen engade que “este conflito non é dunha empresa en particular. É consecuencia de decisións políticas que afectan a todos os traballadores/as e a todos os sectores. Por iso, a resposta ten que ser a folga xeral”.

Montero subliña que do que ocorra dependerá “quen, onde e como se xestionan os aforros dos galegos e galegas; se se xestionan aquí, para crear emprego e riqueza, apoiando ao noso tecido produtivo, ou se se xestionan en Madrid, a través de grandes bancos e en beneficio das grandes corporacións”.

No caso concreto do Pastor está en xogo o mantemento dos servizos centrais na Coruña e, en consecuencia 600 postos de traballo, no que respecta ao emprego directo, máis os das empresas do grupo.

No caso de Novagalicia Banco estase negociando un ERE presentado pola dirección da entidade que transcende mesmo o problema laboral. “A nova administración pretende a venda a prezo de saldo das entidades financeiras a un grupo bancario español. Nese proceso de absorción póñense en xogo centos de postos de traballo”, explica Montero, para quen é especialmente grave que, ademais, se estea dando a mensaxe permanente de que a saída deses postos de traballo ten que ser a través das novas medidas recollidas na reforma laboral”.

Ante este panorama, CIG-Banca exixe que a Xunta medie e se implique para manter no Popular o maior número de postos de traballo en Galiza e os Servizos Centrais. “Non vale que se deslocalicen para Madrid”, afirma o secretario nacional da federación.

CIG-Banca denuncia ademais o papel que está a xogar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por manter un “silencio cómplice”, ante a decisión do grupo Popular/Pastor de deslocalizar os servizos centrais para Madrid. A iso engade que foi a Xunta quen autorizou “o ERE do Banco Gallego, que contemplaba o peche dos Servizos Centrais na Coruña”, deslocalizando tamén para Madrid.

Polo que respecta a Novagalicia Banco, Montero afirma que a saída “non pasa por máis experimentos, nin por seguir destinando diñeiro público para manter entidades privadas,  senón que Novagalicia Banco sexa unha entidade baixo o control público, que sexa unha entidade pública”.

Denuncia que “foi Feijóo quen puxo á fronte do escandaloso proceso de privatización das Caixas ao seu amigo José María Castellano, quen se puxo un salario de 900.000 euros e mostrou comprensión e apoiou aos ex-directivos que marcharon con indemnizacións multimillonarias, e agora quere despedir a 775 persoas e recortar os salarios dos traballadores/as”.

A isto engade que desde o mes de decembro, o PP puxo en marcha medidas de apoio aos bancos privados por 250.000 millóns de euros. “Nós dicimos que a banca privada está saíndo demasiado cara e que xa é hora de apostar por entidades públicas”, insiste.

A semana pasada CIG-Banca mantivo unha xuntanza co grupo parlamentar do BNG que xa presentou unha serie de propostas para que a Xunta actúe. Á propia concentración achegáronse os deputados Henrique Viéitez e Carlos Aymerich, quen manifestaron o seu apoio ás demandas dos traballadores/as.

Mobilizacións

As negociacións están abertas e, en función de como vaian, CIG-Banca anuncia que haberá novas mobilizacións. A vindeira semana está convocada unha xuntanza en Novagalicia Banco na Coruña. Ese mesmo día está prevista a celebración dunha asemblea de traballadores/as e unha concentración.

cig.prensa@galizacig.com