Para a CIG-Ensino, con este decreto, o PP afonda na súa política de fobia contra o galego e realiza unha involución manifesta para o noso idioma, despois de vinte e sete anos de Lei de normalización lingüística. Lembra que “todas as consultas realizadas foron un auténtico fraude” e que a consellaría non atendeu ás recomendacións que desde as distintas instancias -sindicatos, profesorado, universidades, traballadores da normalización, mesmo a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura- se lle trasladaron, pois todas elas confluían nun punto común: o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da lingua galega aprobado por unanimidade do Parlamento galego hai seis anos.
Ben ao contrario, a Consellaría “ignora intencionadamente o devandito Plan, desprezando o traballo realizado polas comisións que nel traballaran no seu día e o significado da súa aprobación, que foi, nin máis, nin menos, que o apoio do pobo galego a este documento que gozou do máximo consenso da historia da lingua”.
Para a CIG-Ensino, este borrador de Decreto bota por terra as valoracións dos expertos en canto á idoneidade de que a materia de matemáticas, fose unha das impartidas en galego, en tanto en canto a nosa lingua precisa de ser lingua vehicular de materias de recoñecido prestixio, como estratexia para mellorar a valoración social do noso idioma e traballar na erradicación da diglosia. Por esta mesma razón se fixaba tamén a impartición da fisica e química en galego.
Esta actitude vén ser tamén un desprezo aos esforzos do profesorado que durante anos e anos procurou coa súa entrega e dedicación facerse coa formación necesaria para impartir docencia en galego. “Como podemos explicar que máis de trinta anos despois de que algunhas profesoras e profesores comezasen dar as súas aulas de matemáticas en galego, cando se acadara que fose recollido no Decreto que regula o uso do noso idioma, o que significou un avance importante, hoxe o goberno que representa ás galegas e aos galegos elimine esa conquista?”, pregúntanse desde a federación de Ensino da CIG.
Esta teima en reducir a presenza do noso idioma no ensino ten como obxectivo fundamental “afastar a mocidade do coñecemento do seu idioma propio e da súa realidade identitaria. Esta situación dará lugar á perda de dereitos dos galego falantes, tanto do alumnado, que se verá privado de contar cunha presenza axeitada do noso idioma nas aulas, como de nós mesmos e os cidadáns do futuro, que non temos garantida a atención nin o futuro do noso idioma”.
A CIG-Ensino entende que só a “mala conciencia e covardía de quen sabe que actúa en contra o noso sinal máis importancia como galegos” pode presentar un proxecto de decreto desta importancia un sábado. “Unha vez máis tamén fracasaron no intento de evitar a resposta social”, afirman salientando que máis de dúas mil persoas se concentraron o pasado sábado 13 de marzo, diante da Xunta para rexeitar este novo atentado contra o galego.
A CIG-Ensino seguirá a exixir que non se produza ningún retroceso na presenza do noso idioma. Neste sentido, vén desenvolvendo unha campaña, no seo da Plataforma Queremos Galego, mediante a cal o profesorado galego está a declarar a súa vontade de seguir a dar as súas aulas en galego.
Concentracións: - Santiago de Compostela: ás 20 horas na Praza do Toural.
- Vigo: ás 20 horas na Rúa do Príncipe (diante do MARCO).
- A Coruña: ás 20 horas na Praza de Pontevedra (diante do instituto).
- Ourense: ás 20 horas na Avenida da Habana (diante do edificio administrativo da Xunta).
- Lugo: ás 20 horas na Rolda da Muralla (diante do edificio administrativo da Xunta).
- Pontevedra: ás 20 horas na Praza da Peregrina.
- Ferrol: ás 20 horas na Praza de España (diante do edificio administrativo da Xunta).
- Vilagarcía de Arousa: ás 20 horas na Praza de Galiza.
- Noia: ás 20 horas diante do Concello.
- A Pobra do Caramiñal (para toda a Barbanza): ás 20.30 no Cantón da Leña.
- Foz: ás 20 horas diante do Concello.
- Carballo: ás 20 horas diante do Concello.
- A Estrada: ás 20 horas na Praza da Farola.