A CIG-Ensino lembra ademais que o borrador presentado non recolle as recomendacións e achegas realizadas no período de consultas, “comprobamos que, efectivamente, esta Consellaría de Educación ten unha folla de ruta deseñada e inamovíbel, contra o noso idioma”.
CIG-Ensino esixiralle á Consellaría que mude a súa postura de desprezo permanente cara ao noso idioma e que escoite a vontade popular que lle reclama que non siga atacando a lingua galega. A CIG lémbralle ao goberno que a sociedade galega saíu á rúa reiteradamente reclamando o seu dereito a recibir ensino en galego. “O 17 de maio e o 18 de outubro de 2009 e, moi especialmente, o 21 de xaneiro de 2010 foron mobilizacións históricas no noso país en demanda dos nosos dereitos lingüísticos”.
Do mesmo xeito salienta que mesmo o 30 de decembro de 2009 e este mesmo sábado 13 de marzo, a cidadanía galega reaccionou con urxencia reclamando a paralización dos ataques reiterados contra o noso idioma. “O goberno galego, se verdadeiramente o é, debe escoitar aos seus administrados e administradas e atender as súas demandas”.