"Desde hai máis de dous anos vimos denunciando á Dirección da Fundación Valdegodos polo incumprimento do convenio colectivo, e tamén pola falta de persoal, coa reiterada advertencia de que dita falta de persoal repercutía negativa e directamente na calidade asistencial. Reiteramos a nosa reivindicación de centros públicos que unicamente dependan da Administración, como garantía de control e de calidade asistencial", afirma a Unión Local da CIG-Valdeorras.
Do mesmo xeito, téñense presentado diversas demandas ante o Xulgado do Social por incumprimento do Convenio Colectivo e en reclamación de melloras sociais e económicas para o persoal, e tamén en materia de saúde laboral, tendo deica o momento, gañadas todas e cada unha das Sentenzas mencionadas.
A Fundación Valdegodos vense caracterizando por ter os traballadores e traballadoras en precario e baixo a escusa de que "o negocio non vai ben" e "tamen no ultimo xuizo dicindo que terian que pechar os centros, sempre se negou a pagar trienios e horas feitas a maiores, e iso que o convenio que asinaron no seu día déixao ben claro, non cumpren nin tan sequera o que eles mesmos asinan. Desde a CIG-Valdeorras preguntámonos ¿ por que a Fundación Valdegodos prefire gastar miles de euros en pleitos".
56 demandas presentadas polo cumprimento do convenio
Desde a CIG denunciouse en numerosas ocasións o incumprimento da lexislación laboral e a negativa da dirección da Fundación Valdegodos a negociar un proceso que fixera posible unha solución satisfactoria para as dúas partes, a social e a empresarial, e a elección por parte da empresa dunha escalada de ameazas e presións sobre os seus traballadores. Isto deu lugar a que os servizos xurídicos da CIG teñan xa tramitado, ata o dia de hoxe diante da xurisdición laboral 56 demandas coa finalidade de que a empresa cumpra o convenio colectivo no referente ao pago de trienios e dos complementos estipulados por traballar en días festivos, así como demandas en materia de horas extras descansos e seguridade e hixiene no traballo. Unha vez mais, "apelamos á dirección da Fundación Valdegodos e ao seu patronato para que abandonen esta actitude hostil, e se senten nunha mesa a negociar
A CIG de Valdeorras, nas vindeiras datas, unha vez máis, convocará a unha xuntanza a dirección da Fundación Valdegodos para discutir todos os problemas e deficiencias que se están a dar nesta fundación.
Medidas de presión
A CIG de Valdeorras , de non acceder a dirección da Fundación Valdegodos a dialogar para que se cumpra o estipulado no Convenio, adoptará as medidas de presión que estimemos oportunas. A CIG fai, ademais, un chamamento á unidade das/os traballadoras/es e aos representantes da UGT e CC.OO para que asuman as responsabilidades para as que foron elixidos.