O persoal laboral, explican dende a CIG-Administración Autonómica de Ferrol, ten denunciado esta situación, mesmo diante da Inspección de Traballo, sen que até o momento se adoptasen as medidas necesarias para evitar as inundacións, xa que todas as actuacións realizadas resultaron insuficientes. “Estamos moi lonxe da prestación do sistema asistencial de calidade ao que se di aspirar dende as instancias responsábeis do servizo”, denuncian.
Até agora os incidentes fóronse salvando grazas a actuación improvisada do persoal laboral, sen que a Dirección do centro ou a Xefatura Territorial da Consellaría puxesen os medios axeitados.
As inundacións, explica Carme Viso, da CIG-Administración Autonómica, prodúcense pola rotura das cañarías que non están preparadas para soportar as temperaturas da auga necesarias para combater os riscos de lexionella. “Dende o mes de outubro son constantes e teñen unha periodicidade aproximada de unha inundación cada 15 días, aínda que as veces poden darse varias nunha soa semana”. Os últimos incidentes denunciados sucederon o 21 de febreiro, o 10 de marzo e o 14 de marzo. Así mesmo, houbo outras inundacións de menor entidade que non foron denunciadas.