Alberto Sanjuán, delegado da CIG en Alonarti Envases e membro do Comité, explicou que dende que Vialmar se fixera coa empresa hai dous anos “estamos fabricando sen directrices e sen un sistema de cualidade definido”, polo que a través do peche queren reclamar á dirección que elabore un plan de viabilidade que garanta o futuro da fábrica. Non obstante, o Comité comunicou aos compañeiros a suspensión das horas extra para evitar que a empresa pedise ao persoal “velar” as horas de traballo dos operarios/as que permanecen no peche.
“Non pretendemos interferir na produción, o que queremos é que a cadea de mando comece a traballar e escoite as propostas dos traballadores e traballadoras, que continuamente presentan ideas para mellorar o sistema de produción”, apuntou.
Dende o Comité critican que non existe un plano de xestión nin de mellora da cualidade da produción ou do sistema productivo e que a pesar dos intentos de diálogo por parte do persoal a empresa non deu ningunha resposta e mesmo afirmou que “non ten solucións enriba da mesa”.
Cargas de traballo abundantes
Neste senso, o delegado da central explicou que Alonarti, que emprega a unhas 125 persoas e se dedica á fabricación de envases de aluminio para cosmética e farmacéutica, non ten problemas económicos, xa que a crise non lles está afectando tan bruscamente como a outros sectores. “A día de hoxe a carga de traballo é moi abundante e non se está sabendo aproveitar o momento que vivimos cando noutros lugares están con expedientes e peches”, lamentou Alberto Sanjuán.
Recesión na cualidade
Durante a segunda xornada do peche unha representación da dirección da empresa mantivo unha xuntanza co Comité na que se limitaron a cualificalos de “irresponsábeis” e a presionalos asegurándolles que “non saben medir as consecuencias dos seus actos”.
O persoal lamenta que nos últimos dous anos a fábrica, que foi trasladada dende Vigo até O Porriño, pasou de ter un bo sistema de cualidade a recibir reclamacións constantes por parte dos clientes, de feito, sinalou Alberto Sanjuán, “de cada cen pezas que se producen 22 van a parar ao lixo”.
Sanjuán lamentou que a dirección non tivo en conta o cambio xeracional “enorme, aproximadamente o 50% do persoal xubilouse deixando a fábrica sen os profesionais expertos que lle daban vida e seguridade. A dirección non se preocupou por formar novos profesionais, e isto deixou a fábrica cunha precariedade profesional que está ao límite, e o que é peor, segue considerando que este traballo é só darlle ao botón verde para arrancar e ao vermello para parar”.
Visita o blog de Alonarti