Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 15/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, durante a súa intervención na asemblea na Praza do Concello.

A folga do Metal muda a súa estratexia e comezará a ser unha folga parcial con excepcións e novos obxectivos

Pretendese con este cambio multiplicar as forzas e evitar as fugas ao seguimento masivo da folga
A segunda semana de xuño comezou coa novena xornada de folga pola negociación do convenio provincial do Metal da provincia de Pontevedra, e tamén con mudanzas estratéxicas a nivel sindical para afrontar o reto deste conflito e darlle a mellor das respostas posíbeis á intransixencia da Patronal, que pretende rematar co modelo sindical do Metal de Pontevedra, a través deste pulso, coa firmeza das súas posturas, coa indiferenza de Administracións, o apoio dalgúns medios de comunicación e presenza policial desmedida. De novo houbo marchas masivas de folguistas e visibilización nas rúas dun sector que non se rende. Á tarde terá lugar unha reunión entre patronal e sindicatos, coa presenza dos mediadores.

O luns comezaba de novo a primeira hora da mañá nas distintas zonas acordadas un día máis de folga. Desde as diversas áreas industriais comezaban as marchas polo centro da cidade, percorrendo desde Beiramar, Teis, Avenida de Madrid, Caramuxo, Porriño, Mos e Vincios, as principais arterias de Vigo.

Asemblea na Praza do Concello

Despois das once e media da mañá tiña lugar unha asemblea na Praza do Rei, na que Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, presentaría unha novidosa proposta para mudar o devir previsto da folga con carácter indefinido, que está convocada.

Nova organización da folga

Asi, Alcántara informou de que "Imos organizar esta folga de diferente maneira de como viñamos facendo até agora: o que estamos programando, e o vamos someter aqui a vosa decisión, pretende calculadamente facer o máximo dano ás empresas para a súa actividade e o mínimo dano a vós porque temos que transmitirlle aos empresarios que estamos dispostos a soportar todo tipo de inclemencias económicas, de cansazo, de todo, con tal de sacar este convenio adiante cos obxectivos que nos comprometemos ao principio. A partir do xoves decidiremos en que escalada e en que outro ritmo podemos continuar".

Tolerancia cero cos esquirois

"Esta proposta persegue tamén rematar co tema das fugas, deses esquirois, que afortunadamente non son moitos, mais son algúns e esa desobediencia sistemática que vemos nalgúns sitios de sabemos que estiveron traballando nun horario ou noutro, disimuladamente, agochados, como pantasmas, pois iso que até agora tivo certa concesión e que puideron facer con algunha calma, xa non van poder facelo, porque esta nova programación tamén van impedir que podan traballar con esa calma", e engadiu que "aqui se establece un ponto de inflexión onde a tolerancia vai ser cero cos esquirois"

Conversa dun traballador do Metal con Feijoo

Antolín Alcántara relatou unha conversa que mantivo un traballador do Metal co presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, en Ponteareas, que se achegou até Feijoo para solicitarlle a súa axuda como presidente da Xunta neste conflito e a contestación foi "xa me estades fodendo, estades fodendo á cidade, ás empresas e todo, xa está ben, o que tiñan que facer os empresarios era plantarvos a todos na rúa". Asi, o secretario confederal de Negociación Colectiva sinalou que "estas son as palabras que lle dixo o señor Feijoo diante doutras persoas a este traballador e a súa familia. E eu digoo aqui, porque esa euforia de sentirse pletórico, cando está na intimidade e se sinte seguro teria que transmitilo a nivel público, de ter o valor e o descaro de dicirnos a nós iso á cara, que o diga nos medios de comunicación. Esa actitude miserábel non responde ao que debe ser o presidente da Xunta de Galiza, porque o que fai é colocarse ao lado dos ricos e dos poderosos, e ser duro e cruel cos máis febles e cos traballadores. Non merece estar aí".

Críticas á presenza policial

Alcántara sobre o reforzo da presenza policial subliñou que "se cren que sendo máis duros e sendo máis implacábeis, mandándonos máis policia, que por aí van acabar con nós están moi equivocados, porque terán que matarnos a todos e non o van facer, pero se queren intimidarnos con todo ese tipo de despregue equivócanse e vanse equivocar sempre. Non nos van coñecer nin non vas entender nunca, nós pensamos coa cabeza e manexámonos co corazón, non nos entenden porque eles non teñen corazón".

Para rematar de explicar en que vai consistir a mudanza na folga explicou que o que se pretende é "obrigar a que todo o mundo que está en folga, que non vén ás mobilizacións, que queda na casa, que a partir de mañá non poda facer iso, porque a folga a partir de mañá vai ser parcial, de catro horas, de nove a unha, con carácter xeral mais haberá excepcións. A partir de mañá durante esta semana de 9 a 13, con excepcións para os talleres de reparación e os concesionarios do automóbil a folga será a partir das doce e media da mañá até final de xornada, e para Instalectra e Foncalor, para todas as empresas que traballan na electricidade, na instalación do gas, na fontanaría, nos paneis solares, pois para eles a folga continúa a ser de toda a xornada porque até agora foron os que menos actuaron solidariamente co resto dos compañeiros dos outros sectores, e polo tanto que entendan que entendan que é un castigo, porque o resto imos estar traballando para que eles non traballen. Haberá outra excepción a esa regra, porque aqui houbo moitas empresas que estiveron desde o primeiro dia de fontaneiros e electricistas e ímosvos dar unha relación desas empresas porque esas empresas terán tamén esa excepción e terán tamén folga parcial"

Cambio para multiplicar as forzas

"É a mellor maneira para multiplicar as forzas, que aqui haxa cada dia moitisima xente máis, e imos paralizar as vendas de concesionarios do automóbil, que foron os que tiveron até agora a actitude máis agresiva coa negociación, os que estiveron a alimentar o o% e os que non quixeron que se abrira ningunha concesión a maiores nin en salario nin en xornada, e polo tanto imoslle infrinxir o maior dos castigos na venda dos coches", concluiu Alcántara.

Ao remate da asemblea continuou a marcha até a Praza de América, baixando por Camelias, onde se mantivo o corte de tránsito nesta praza neurálxica do centro de Vigo, até perto das dúas.

Nova reunión da negociación

Ás cinco comezaba unha nova reunión na Delegación da Xunta de Vigo entre patronal, sindicatos e mediadores pola negociación do Convenio Provincial do Metal.

Galeria con máis imaxes

Tamén podedes visualizar máis imaxes desta xornada na sección multimedia da web ou nesta ligazón.

cig.prensa@galizacig.com