A CIG considera que a reforma terá graves repercusións para a clase traballadora polo que supón de recorte de dereitos e asegura que pretende satisfacer unicamente as demandas históricas da patronal: desregulación, abaratamento e facilidade para o despedimento.
Segundo Suso Seixo, se isto é “claramente regresivo”, máis grave resulta que se introduzan medidas que afectan ás condicións laborais e aos salarios, que até o de agora quedaban no ámbito da negociación colectiva.
O secretario xeral da CIG entende que non se busca a estabilidade nin a creación de emprego e moito menos de emprego de calidade. Detrás agóchase unha “clara cesión” ás presións da UE, do capital financeiro internacional e fundamentalmente de Alemaña e Francia. “Estes países están moi interesados nunha política de recortes no mercado laboral español para favorecer o aumento das marxes de beneficio da patronal e garantir, por esa vía, que a banca privada española pague a débeda que ten contraída cos bancos franceses e alemáns”.
Convocatoria dunha folga xeral, xa
Diante desta situación a CIG entende que só coa mobilización haberá posibilidades reais de frear estas medidas. Por iso, Seixo manifestou que “somos moi críticos cos actitude que mantiveron CCOO e UGT”. A este respecto, cuestionou que non se teña convocado xa unha folga xeral, cando se sabía perfectamente en que ía acabar a reforma e cando xa se adoptaron medidas suficientemente graves -como as recollidas no decreto para reducir o déficit público- que terían xustificado a súa convocatoria por si soas.
Informou da xuntanza celebrada esta mesma mañá cos secretarios xerais de CCOO e UGT, na que manifestaron a súa intención de deixar a convocatoria para setembro, e considerou dificilmente explicábel atrasala para despois do verán. “Para nós é un tremendo erro, a única responsabilidade téñena eles, por ternos arrastrado a esta situación practicamente entrado o verán”.
A este respecto, adiantou que a CIG participaría desa convocatoria pero “non nos comprometemos é a facela conxuntamente con eles”, deixando pendente esa decisión, da xuntanza do Secretariado Confederal da CIG –organismo no que están representados todos os secretarios/as comarcais e de federación-, que terá lugar este venres, día 18. “Iremos con todas as nosas forzas, pero á espera do que se decida, moi probabelmente faremos convocatorias dos actos por separado para non mesturarnos cunha concepción e modelo sindical que a nós nos parece claramente regresivo”.
Propuxo unha mobilización contundente, pero non á defensiva, senón á ofensiva, exixindo a aplicación de medidas que permitan saír da crise superando o actual modelo, o neoliberalismo -ao que responsabilizou da actual situación e que considerou fracasado-, e apostando por outro, máis xusto e solidario.
A CIG parte de que “o problema da crise non está nin nas rixideces do mercado laboral, nin nos altos salarios nin no elevado gasto público”, por iso sostén que é un erro pretender superar esta situación precarizando aínda máis as condicións laborais e reducindo salarios. “A nós non nos vale porque non sería xusto e porque temos o convencemento de que iso vai manter a situación de recesión durante moitos anos”.
Contrato de fomento da contratación indefinida
Nunha análise polo miúdo, Seixo salientou algunhas das medidas máis graves que contén a reforma. Neste sentido, denunciou que xeneraliza o contrato de fomento para a contratación indefinida, cunha indemnización de 33 días por ano, cun máximo de 24 mensualidades e que deses 33 días, 8 van ser subvencionados polo FOGASA, co que na práctica ao empresariado vaille custar 25 días.
A CIG leva tempo criticando o uso que se vén facendo dos fondos do FOGASA, por entender que non se tiñan que utilizar para subvencionar o despedimento, senón para apoiar ás empresas para manter o emprego. Esta modalidade xa se estaba a utilizar para subvencionar o despedimento en empresas con menos de 25 traballadores e con esta reforma vaise xeneralizar a todo tipo de empresas.
Amplación da idade dos contratos en formación
Coa reforma amplíase a idade dos contratos en formación até os 24 anos. Até o de agora era entre os 16 e os 21 anos. “Estase poñendo no mercado man de obra barata para a patronal”, asegurou Seixo.
Despedimentos colectivos
Facilítase e concrétase aínda máis todo o que ten que ver cos despedimentos colectivos por razóns de organización, económicas, tecnolóxicas ou de produción, o que quere dicir, segundo o secretario xeral da CIG, que se van facilitar os despedimentos colectivos e de carácter individual por causas obxectivas na medida en que vai limitar moito o papel que xogaba a administración cando non había acordo entre o comité de empresa e a dirección da mesma. “Neses casos interviña a administración e con esta reforma vai quedar moito máis limitado o seu papel porque será máis difícil oporse a un expediente de extinción de contratos de carácter colectivo”, sinalou.
Respecto dos despedimentos por causas obxectivas, que non eran, en moitos casos, aceptados nos xulgados do social e tiñan a consideración de despedimentos improcedentes de carácter normal, co que se pagaban con 45 días por ano traballado de indemnización, explicou que agora “vai ser moito máis difícil porque van estar moito máis fixadas as causas, co cal o despedimento vai ser de 20 días por ano cun máximo de 12 mensualidades”.
Bonificacións á contratación
O secretario xeral da CIG considerou rechamante o mantemento da política de bonificacións á contratación indefinida. Así, lembrou que nos primeiros documentos que se entregaron por parte do goberno había un recoñecemento expreso ao fracaso desas bonificacións, porque non favoreceran a redución da temporalidade e asegurou que mesmo hai informes da propia Seguridade Social que así o reafirman. “Até o de agora tiña unha aportación anual de 3.000 mill de euros. Foi un fracaso pero, curiosamente segue a manterse”
Inaplicación das condicións pactadas en convenio
Seixo tamén salientou que se facilita a inaplicación das condicións salariais pactadas en convenio se as empresas demostran que iso pode ser un prexuízo para a súa produtividade ou que non están en condicións de afrontar eses incrementos salariais. “Obrígase a ir a un laudo arbitral, o que vai facilitar que haxa moitas empresas que se descolguen á hora de aplicar as cláusulas salariais dos convenios colectivos e mesmo todo o que ten que ver con modificacións substanciais das condicións laborais, con horarios de traballo”, dixo engadindo que “se facilita ir a un laudo arbitral para fixar unha solución cando non haxa acordo entre as partes co que se abre unha vía moi importante de flexibilización horaria nas empresas”.
Axencias de colocación e ETTs
O secretario xeral da CIG criticou ademais que se apoie abertamente, na reforma, ás axencias de colocación con fins lucrativos. Ábrese ademais ás ETTs a posibilidade de operar en sectores nos que antes, moitas delas estaban limitadas, como a construción ou actividades produtivas de caracter perigoso.
Limitación de contratos encadeados
A este respecto, Seixo sinalou que esta modificación podería ser de interese pero ten para a CIG unha eiva fundamental. A efectos do traballador, efectivamente se leva 24 meses traballando no mesmo posto, nun período de 30, tería que quedar indefinido. Pero se se contrata a outro traballador para o mesmo posto de traballo, que non se ten por que facer.“Levamos insistindo que no tema da contratación temporal hai que fixar xa o tema da causalidade e non aceptar contratos temporais para aquelas actividades que non teñan carácter temporal, pero nunca se meten neste tipo de regulación”, dixo.
Alternativas
Fronte a estas medidas, a CIG vén propoñendo outras completamente opostas como incrementar o gasto público e aumentar os salarios para ter capacidade de consumo; adoptar medidas para controlar o capital especulativo, “para que non sigan especulando mesmo coa débeda pública e pondo aos estados nunha situación de quebra”, dixo Seixo; reformar a política fiscal incrementando os ingresos dos estados e non pola vía de reducir o déficit ou de recortar o gasto público; recuperar o imposto de patrimonio; incrementar os impostos ás grandes fortunas; adoptar medidas rigorosas para loitar contra a fraude fiscal, “estamos falando de miles de millóns de euros e quen máis defrauda son, fundamentalmente, o empresariado e as profesións liberais” subliñou; rematar cos paraísos fiscais e crear unha banca pública para xerar recursos tanto para o tecido produtivo como para as familias.