Nas súas alegacións ao documento a CIG considera imprescindíbel que Galiza conte con todas as competencias no que respecta á xestión da auga e lembra o solapamento territorial e competencia que existe na actualidade. Como exemplo disto cita o feito de que “a pesca fluvial, agricultura, xestión forestal ou conservación da natureza son competencia exclusiva da comunidade autónoma, mentres que as augas o son do Estado”, o que se traduce nun maior gasto público e incrementa os trámites administrativos. A súa proposta pasa por reservarlle á Confederación Hidrográfica a labor de coordinación entre as distintas administracións.
En materia de incendios forestais, dende a CIG critican que o Plan Hidrolóxico os cualifique como “accidentes”, cando o seu elevado número (uns 9.000 ao ano) recomenda que sexa tratados como “unha presión máis que debe de ser avaliada e corrixida”. Neste senso, denuncian as limitacións que a Confederación Hidrogáfica ten para xestionar a política forestal e a educación ambiental no territorio galego e propoñen unha serie de medidas:
-Control da vexetación de ribeira de xeito que se conformen uns cintos de seguridade que amortezan os impactos causados polas enxurradas.
-Prohibición do repoboamento nas marxes dos ríos e regatos con especies pirófitas como o eucalipto ou o piñeiro.
-Protocolo de restauración hidrolóxico forestal despois do incendio.
Canon sobre o uso da auga
No que respecta ao canon sobre o uso da auga -baseado no concepto de que a auga que usamos ensúciase e polo tanto debe de ser tratada- a posición da central fai fincapé na necesidade de redobrar esforzos “no camiño de esixir a non contaminación das augas, para o que se incrementará a vixilancia e o control das administracións”. Ao mesmo tempo, aposta por ligar o canon coa produtividade xerada polo uso da auga, así como cos beneficios que dela se obteñen.
Outras esixencias pasan por que todas as persoas que desenvolvan as funcións relacionadas co Plan Hidrolóxico sexan “persoal propio da administración hidráulica transferida a Galiza, en espacial o referente a inspección e vixilancia”. Finalmente, rexeitan a externalización de tarefas como a toma de mostras nos puntos de control ou estudo de bacías e solicitan “o axeitado dimensionamento do cadro de persoal da Xunta de cara a cumprir os obxectivos do plan”. Tamén esixen que a súa redacción conte cunha versión no noso idioma.