Varias ducias de delegados e delegadas da CIG de Ferrol realizaron este xoves unha concentración ás portas dos xulgados de Ferrol baixo a consigna “Xulgan sindicalistas, medran escravistas” en solidariedade co co-voceiro comarcal denunciado por Alcampo por ter participado nunha mobilización.
Os feitos referidos remóntanse ao pasado 19 de abril, xornada na que os tres sindicatos maioritarios convocaron unha protesta diante do Alcampo de Ferrol na que repartiron folletos para informar á cidadanía da política antisindical e antiobreira practica pola empresa francesa e que rexistrou unha importante participación.
A acción xurdiu como resposta á actitude que Alcampo mantivo durante toda a xornada de folga xeral do 29 de marzo, na que empresa teimou en abrir as súas portas, a pesar de que os clientes non acudiron, e reclamou a presenza policial para impedir a acción dos piquetes informativos. O xuízo, no que Alcampo reclama trescentos euros ao sindicalista por danos en varios artigos, quedou visto para sentenza.