A alegría era palpábel esta mañá entre as traballadoras de Limpezas Ames cando comprobaron que efectivamente a empresa lles tiña abonado as contías correspondentes ás tres últimas nóminas. “Nós o que queremos é cobrar polo traballo que realizamos, non ter que andar facendo folga”, sinalaba unha das traballadoras.
Aínda así, o persoal que queda en Limpezas Ames (logo da adxudicación da contrata en tres colexios á empresa Servicios Auxiliares de Mantenimiento y Limpieza, S.L-. SAMYL, está pendente do que vai acontecer o vindeiro mes, xa que manteñen as súas reservas a respecto de que a propietaria faga fronte ao pago das nóminas por mor do embargo sobre a empresa.
De darse esta circunstancia, as traballadoras non dubidan en volver convocar unha nova folga.
Problemas coa nova empresa adxudicataria
Non obstante, agora o persoal atópanse cunha nova dificultade: a redución da xornada anunciada por SAMYL. Neste senso, o secretario comarcal da CIG-Servizos en Compostela, Roberto Alonso, adiantou que van iniciar unha campaña para denunciar publicamente a eliminación de horas de limpeza en diferentes colexios do municipio. “Non se pode cambiar de empresa para eliminar horas no servizo”, explica Roberto Alonso, pois esta medida repercutirá non só nos salarios das traballadoras, senón tamén nos usuarios/as dos centros, principalmente os nenos e nenas das escolas onde SAMYL ten adxudicado o servizo de limpeza.
“Máis adiante iremos determinando as accións a levar a cabo, por agora, sinala o secretario comarcal da CIG-Servizos, estase falando coa direccións e coas ANPAS dos colexios para informarlles do que está pasando”. Neste senso, lembra que no centro Bispo Guerra Campos, o máis grande do Concello de Ames, o tempo de limpeza reduciuse 20 horas á semana, mentres que na gardería elimináronse dúas horas, etc.
Fronte a esta decisión, que a empresa achaca ao Concello, Alonso lembra que os cartos da contrata ascenden até os 200.000 euros por dous anos, o que, facendo cálculos, sae a unha media de 2.000 euros brutos por traballadora. “Nós entendemos que con esta asignación hai marxe suficiente para manter as horas de traballo”, afirma.
Preocupación pola situación dunha compañeira
Alén da satisfacción polo cobro dos salarios, as traballadoras tamén amosaron a súa preocupación pola situación dunha compañeira, que pasou a formar parte da nova empresa adxudicataria, sobre a que pesa un futuro incerto.
Esta traballadora, contratada como conserxe-limpadora no colexio de A Varouta, atopouse unha mañá con que outra persoa, designada polo concello, estaba ocupando as súas funcións, aínda que nin dende a empresa nin por parte do goberno local recibiu notificación algunha neste senso.