A continuación reproducimos o comunicado remitido pola CIG-Saúde:
Diante das declaracións realizadas polo portavoz do Grupo Parlamentar do Partido Popular de Galiza en materia de Sanidade, Rosendo Fernández, no Parlamento de Galicia, cualificando o Plan de Mellora de Atención Primaria de “pufo e panfleto”, CIG-Saúde quere facer as seguintes puntualizacións:
1.- O Plan de Mellora, pese ás dificultades e atrasos na aplicación dalgúns aspectos, supuxo un paso moi importante para a Atención Primaria de Galicia, tanto polo seu contido como pola súa xestación, xa que naceu do acordo de organizacións Profesionais, Sindicais e da Administración.
2.- CIG-Saúde considera que neste momento, no ecuador do Plan, é especialmente importante reafirmarse na necesidade da súa completa aplicación, e non aceptará recortes nin cambios que desvaloricen o pactado.
3.- As declaracións do portavoz do Partido Popular son desmentidas polo Diario Oficial de Galicia onde son publicados os orzamentos do Sergas, nel figuran as prazas creadas polo Plan de Mellora para o ano 2009, e o orzamento de cada praza:
Nota: Emprégase para os cálculos do custo, o correspondente á categoría orzamentaria máis común en cada categoría profesional. Suponse unha cota patronal da Seguridade Social do 21%.
*Son prazas consolidadas nos orzamentos en xullo, setembro e outubro 2009.
4.- É responsabilidade da Administración a execución orzamentaria e polo tanto é responsabilidade do Partido Popular que esas prazas, creadas e orzamentadas, se convertan en incrementos reais dos cadros de persoal dos centros de Atención Primaria.
5.- De non facelo así será o Partido Popular o responsábel de converter o Plan de Mellora nun pufo e nun panfleto.
6.- Neste terreo non son válidos criterios economicistas a curto prazo, todo o que se invista en potenciar a Atención Primaria supón un aforro en gasto sanitario a outros niveis, e sobre todo supón un “aforro” de enfermidade, e polo tanto de sufrimento.
7.- O Plan de Mellora da Atención Primaria supón unha aposta clara por un tipo de sanidade pública, centrada nas necesidades do usuario e na resposta mais próxima a esas necesidades, polo que contempla un incremento da capacidade de resolución de problemas a este nivel, e por incrementar os servizos que se prestan aos usuarios: actividades preventivas, control de pacientes crónicos, atención a domicilio, cirurxía menor, control da anticoagulación oral (Sintrom), teledermatoloxía, realización de retinografías, etc.
8.- Para dar resposta a estas necesidades é para o que se precisan os incrementos de cadros de persoal, polo que o que está en xogo é algo mais que unhas poucas prazas máis no sistema, o que nos xogamos e un modelo de Atención Primaria, de Sanidade Pública, que responda ás necesidades dos usuarios.