Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 15/9/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración na Oficina de Correos de A Pobra contra a represión laboral e pola contratación transparente en O Barbanza

Delegados/as da CIG mobilizaranse o mércores 16 de setembro, ás 9:45 horas, contra a apertura de expediente a tres traballadores/as
Logo das últimas denuncias feitas públicas pola CIG-Correos a respecto da contratación irregular na oficina de A Pobra, o que levou consigo que a parroquia de Posmarcos estivera tres días sen servizo postal, dende a Dirección da empresa responden coa apertura de tres expediente a traballadores deste centro. Razón pola que a CIG-Correos vai levar a cabo unha concentración diante da oficina de A Pobra o mércores 16 de setembro, a partir das 9:45 horas.

Algún destes expedientes abertos no centro de A Pobra está baseado en argumentos tan “sorprendentes como pedirlle explicacións a un traballador que durante 20 minutos substituíu ao Director da oficina, ausente neste pequeno intervalo de tempo por sufrir unha forte dor abdominal.

Dende a CIG-Correos sinálase que estas prácticas de contratación irregular xa se deron noutra ocasión na oficina de A Pobra e noutros centros de O Barbanza, polo que se reclama que se depuren as responsabilidades e que sexan cesados/as os xefes ou directivos involucrados, así como que se deixe de criminalizar ao persoal de reparto “que o único que fai é realizar o seu traballo da mellor maneira posíbel, a pesar de padecer unha sobrecarga de traballo imposíbel de sacar adiante durante a xornada laboral”.

Por este motivo, CIG-Correos ten convocada unha concentración o mércores 16 de setembro, diante da Oficina de Correos de A Pobra, a partir das 9:45 horas, en apoio aos traballadores/as represaliados/as e por unha contratación de persoal que sexa transparente e que respecte a lexislación laboral vixente.

“Dende a CIG cremos que se poden estar dando casos de nepotismo na contratación de traballadores/as en Correos na zona de O Barbanza, polo que, ademais de denunciar esta situación na Inspección de Traballo, a central tomará outro tipo de medidas máis drásticas poñendo estes casos en coñecemento da administración xudicial”, advirte o secretario de Organización da CIG-Correos, Anxo Álvarez.

cig.prensa@galizacig.com