Nin o frio nin a chuvia impediron que máis de 300 persoas se achegaran até a praza do Concello do Porriño para amosar a súa solidariedade cos máis de 110 traballadores e traballadoras desta multinacional farmacéutica. Representantes e compañeiros e compañeiras da CIG, asi como cidadáns e cidadás do concello do Porriño achegáronse até esta concentración, en apoio ao persoal desta planta, que ve con incertidume o seu futuro a partir do 31 do decembro.
Continuarán as mobilizacións
Alberto Gonzalvez, membro do Comité de Empresa de Astrazeneca e da CIG, subliñou que "esta é a segunda mobilización que facemos, e non ha de ser a última, porque pensamos dar a batalla, aínda que outros non o fagan (en referencia ao papel que está a desenvolver de tentativa de desmobilizar a sección sindical de UGT na planta). Isto só é o primeiro paso polo que chamamos á solidariedade activa de toda a sociedade coa nosa situación
Comunicado lido na concentración
O seguinte comunicado que reproducimos á integra, lido polo compañeiro Alberto Gonzálvez na concentración, recolle as demandas e denuncias dos traballadores/as de Astrazeneca:
"Compañeiros/as, estamos aqui para manifestar o noso rexeitamento á decisión tomada de xeito unilateral por Astrazeneca hai escasos dous meses de poñer fin á actividade industrial en Astrazeneca Porriño. Esta decisión unilateral tomada pola dirección, ademais dos efectos traumáticos que ten semella inconcebíbel xa que a planta do Porriño obtén beneficios grandísimos e vendas sobresalientes.
Astrazeneca falounos sen ningún disimulo que a súa decisión nada tiña que ver coa crise senón con cuestións organizativas de carácter interno e de reestruturación, falando claro: gañar máis e máis cartos.
É dicir a produción do Porriño é desviada a Inglaterra e Suecia, e a fabricación dos produtos que ali se producían, envialo para China e Latinoamérica, que no fonde é de onde pretende ter os maiores beneficios polos baixos salarios e costes empresariais de todo tipo.
Astrazeneca non só é Astrazeneca, é a Zeltia. Esta factoría galega leva no Porriño máis de 70 anos. Aqui onde traballamos nós e antes traballaran moitos dos nosos pais e nalgún casos avós. Esta empresa xa estaba aqui antes de que os suecos e os ingleses nin tan siquera souberan situar no mapa ao Porriño. Nós xa estabamos aqui e por unha decisión puramente mercantil e de avaricia en grado sumo queren levala e trasladala a outros lugares.
Calquera deslocalización é traumática e inxusta, pero esta acada tintes escandalosos, xa que é unha empresa que ano tras ano ven obtendo beneficios sen parar, enormes ganancias, que xa quixeran varias empresas xuntas obter.
Non esquezamos que os negocios das industrias farmacéuticas son dos máis lucrativos no mundo. Nunca hai crise neste sector, e a maioría dos seus beneficios proveñen de todos nós, da cidadania, da Seguridade Social.
Desde a CIG non o imos permitir e sairemos unha e outra vez á rúa a defender o único que sabemos facer: traballar. Traballar para alimentar aos nosos fillos e fillas, nós non sabemos de especulacións, movementos de capitais, subas e baixadas da Bolsa. Nós só sabemos traballar e é o único que queremos continuar a facer.
Polo tanto esta decisión aínda que se disfrace de racionalización interna dos recursos e palabras moi rimbombantes, non deixa de ser unha medida salvaxe e avarenta.
Esta medida ten un resultado inicial que é a destrución de 113 postos de traballo, da destrución do sustento de 113 familias, pero por desgraza non remata aí: destrúe a economia familiar de moitos empregos indirectos que esta fábrica xera, todos os que dunha maior ou menor medida traballan para ela: empresas de cartonaxes, papeis, plástico. PVC, aluminio, transportistas, mantemento, etc.
Por iso que por moitos plans sociais, indemnizacións ou o que queiran inventar, este como outros peches crean pobreza e desemprego, destrúe o construido e impide o nacemento doutras cousas.
A CIG, os traballadores/as en xeral, e toda a cidadania non o vai permitir, e non só por Astrazeneca, senón por todas as empresas que están a sufrir igual que nós un proceso semellante de deslocalización.
Desde aqui enviamos un saúdo solidario e fraternal ás nosas compañeiras e compañeiros de Valeo, Prevent, da Construción e a Pedra, e a todo o sector da automoción en xeral pola situación que están a sufrir e que por desgraza non se divisa o final.
Todo este efecto dominó ten tintes máis graves porque senón poñemos freo continuará a afectar a máis e máis sectores, como por exemplo ao comercio.
Desta situación culpamos á dirección das empresas, e nós en particular á nosa dirección, pero non só a ela, senón tamén ás políticas xerais que favorecen e permiten que isto aconteza.
O goberno non pode quedar mudo diante desta desfeita, teñen que poñer enriba da mesa medidas urxentes que dificulten que calquera empresa levante a casa e se marche cando lle pete. Hai que crear e potenciar empresas con capital de aqui e que fiquen aqui.
O capital non ten sentimentos. Vaise e vén cando observa que pode gañar un euriño máis aqui ou alá, pero as administracións públicas teñen que dicir algo e aplicar medidas urxentes para que cando menos minimicen estes finais dramáticos. E as medidas non poden ser só plans de prexubilación ou medidas sociais que só valen para parchear, senón que teñen que expor medidas políticas de apoio ao emprego e á industrialización e ao control dos grandes capitais.
Nós non queremos ser un pobo subvencionado, e como dixen antes, só queremos traballar e poder traballar.
Desde a sección sindical da CIG en Astrazeneca manifestamos que continuaremos na rúa pelexando para defender o que nos queren arrebatar, que son os postos de traballo e o dereito a vivir do noso esforzo.
Moitas grazas pola vosa solidariedade.
Astrazeneca non se pecha!"