As mobilizacións deste colectivo de traballadores e traballadoras veñen de lonxe. Nunha das últimas, o pasado 19 de xuño, tras unha peregrinaxe por Compostela até San Caetano, entregaban no Rexistro Xeral, unha solicitude dirixida ao Conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Mendez Romeu -do que dependen- no que se solicitaba unha xuntanza urxente para que coñecera a súa situación e mediara coa empresa concesionaria do servizo.
Isabel Moares, presidenta do Comité de Empresa explica que, lonxe de conseguir a súa mediación recibiron como resposta a denegación da entrevista. Porén souberon que si se celebrara unha xuntanza posterior con CCOO, o que indignou aos traballadores e aos seus representantes, o Comité de Empresa. Por iso, desta volta exixiron “que as xuntanzas se manteñan co Comité de Empresa, que é quen representa aos traballadores/as que toman as decisións en asemblea”, afirmou Isabel Moares e que se atendan as súas demandas.
As condicións laborais no 112
No 112 hai en torno a 70 traballadoras e traballadores, que son os encargados de atender todo tipo de chamadas de emerxencia, urxencias médicas, accidentes, incendios ou mesmo unha avaría no coche, durante 24 horas ao día e os 365 días do ano. Elas e eles son os encargados de xestionar esas chamadas, mobilizar os recursos necesarios e atender aos afectados en primeira instancia.
Trátase, xa que logo, dun servizo público de primeira orde e que a administración pretende xestionar, segundo explica Isabel Moares, como se fora un servizo privado que nada tivera que ver con eles.
Adoita ocorrer que haxa que reforzar o servizo con xente que está de días libres. Existen gardas de 24 horas que non son remuneradas, nas que o traballadoras ou traballadoras teñen que presentarse no prazo máximo dunha hora no posto de traballo se é requirido/a. Ademais, os salarios están en torno aos 800 euros e teñen que ser completados con traballos en noites, domingos e festivos para conseguir unhas retribucións máis dignas.