Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 16/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Traballadores/as de ambulancias EGARA concéntranse diante do Parlamento de Galiza en demanda de solucións

Xa van seis despedidos e desde a FGAMT-CIG denuncian que a consellaría mira para outro lado
A FGAMT-CIG e os traballadores e traballadoras de ambulancias EGARA convocaron unha concentración, na mañá deste venres 16 de outubro, diante do Parlamento de Galiza, para reclamar da consellaría de Sanidade unha solución ao conflito aberto na empresa, na que xa se efectivizaron dous novos despedimentos a sumar aos catro que se produciron a semana pasada. Con esta concentración inícianse unha serie de mobilizacións que os traballadores están dispostos a manter mentres non consigan a readminisión dos seus compañeiros e o cumprimento do convenio colectivo.

Ambulancias EGARA efectivizaba o xoves 15 de outubro dous novos despedimentos dos 10 que tiña anunciados. “O conflito aberto entre a consellaría e a empresa polo número de viaxes que tiña contratados e os que a empresa viña facendo estase resolvendo”, segundo explica Inácio Pavón, da executiva da FGAMT-CIG, “cun mal servizo aos doentes e con despedimentos e condicións abusivas para os traballadores”.

Actitude irresponsábel da consellaría

Pavón denuncia ademais que a actitude “irresponsábel” da consellaría neste conflito ten provocado que se derivaran os servizos que até o de agora realizaba a empresa de ambulancias EGARA a maiores, e que non figuraban na plica da concesión, a outras empresas “sen facer ningún tipo de concurso público polo medio”. Para o representante da FGAMT-CIG, “con isto a consellaría entende que o conflito queda pechado porque os doentes estarían atendidos, deixando de lado aos traballadores/as despedidos que semella que para a consellaría non representan ningún problema”.

Por iso, a CIG solicitará, con carácter urxente, unha xuntanza coa consellaría para que aclare a súa posición e para exixirlle corresponsabilidade nas condicións e no mantemento dos postos de traballo.

A orixe do conflito

EGARA gañou a concesión do servizo de ambulancias para o traslado de doentes, desde os seus domicilios aos centros hospitalarios para recibir os tratamentos que precisaban, presentando unha oferta económica cativa que, cando menos, imposibilitaba o cumprimento dos mínimos exixibles por convenio. Ao aumentar o número de doentes que precisaban este servizo tivo que aumentar a flota de ambulancias e contratar a máis traballadores. Porén, isto implicaba un gasto maior que o previsto na plica da concesión. Por iso dirixiuse á consellaría solicitando un incremento da partida orzamentaria incialmente prevista. A resposta do SERGAS foi que se limitara a cumprir co estipulado no contrato.

A primeira consecuencia, unha vez a empresa optou por conguirse ao recollido na plica foi que numerosos doentes que dependían deste servizo, agás os que ían ao hospital a diálise -para os que sempre estivo garantido, por mor da gravidade da súa doenza-, quedaran na casa. Ao tempo, os traballadores recibiron a comunicación de que se procedería a rescindir 10 contratos. Polo momento xa se fixeron efectivos 6 dos despedimentos previstos. Ademais, agora os traballadores padecen unhas condicións máis precarias, porque se ven obrigados a facer máis horas extra sen ningunha contrapartida económica. Por iso, están dispostos a continuar coas mobilizacións, á espera de que se readmita aos compañeiros despedidos, que non se fagan efectivos o resto dos despedimentos anunciados, e que se cumpra o convenio colectivo.

cig.prensa@galizacig.com