Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 16/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Declaran improcedente o despedimento dun traballador da empresa de construción Barproyasa de Ourense

CIG-Valdeorras denunciara no xulgado a decisión da compañía, que agora terá que readmitilo ou indemnizalo
O Xulgado do Social Número 2 de Ourense declarou improcedente o despedimento dun empregado da empresa de construción Barproyasa do Barco de Valdeorras despois de que a CIG levase a decisión aos tribunais. A sentenza, que poderá ser recorrida diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, obriga os propietarios da compañía a readmitir ou indemnizar ao traballador, así como a abonarlle os salarios que deixou de percibir dende a data do despedimento, o pasado 12 de agosto.

A xuíza dá por probado que o traballador Rogerio Antonio Gomes, que asinara un contrato de duración determinada ligado a un proxecto concreto, tamén prestou servizo noutras obras da compañía. Así mesmo, a comunicación do despedimento, argumenta a maxistrada, foille comunicada antes de que rematase a obra obxecto do contrato.

O texto da sentenza enumera os requisitos que se deben de cumprir para que este tipo de relacións laborais, as de duración determinada vinculadas a obra ou servizo determinado, teñan validez legal. Entre eles, cita “que la obra o servicio objeto del contrato presente autonomía y sustantividad proias dentro de la actividad de la empresa; que su duración, aunque limitada en el tiempo, presente duración incierta; que en el contrato se especifique con claridad y precisión la obra o servizio objeto del contrato; y que el desarrollo de la actividad laboral del trabajador sea ocupado normalmente en la ejecución de la obra o servicio objeto del contrato y no en tareas distintas”. Diante disto, a xuíza declara improcedente o despedimento , “dado que la relación laboral se convirtió en indefinida por fraude de ley” e condena á empresa a readmitilo ou indemnizalo con 858,75 euros, ademais de abonarlle os salarios pendentes dende que foi despedido o pasado 12 de agosto.

cig.prensa@galizacig.com