Segundo a acordo asinado entre o delegado de persoal e o representante do Consello de Administración da SAGEP, as empresas van promover un Itinerario Formativo para os meses de novembro e decembro deste ano, así como se comprometeron a deseñar, antes do 31 de xaneiro de cada ano, un protocolo de formación que garanta a plurifuncionalidade profesional destes estibadores.
A decisión de convocar a folga chegou logo de que na reunión da Comisión formada por empresas, representación social e a xerencia, celebrada a finais de outubro, non se achegase ningún compromiso para cumprir coa obriga de dar formación aos traballadores/as da antiga Sociedade Estatal de Estiba e Desestiba de Ferrol (SEYDFE).
Esta oferta formativa, que segundo a nova Lei de Portos obriga as empresas privadas a priorizar a formación deste persoal fronte a dos seus propios empregados/as, é indispensábel para que os estibadores poidan traballar. Porén, e a pesar da ditado na lei, as compañías comezaron a impartir formación sen contar con este colectivo.
Así as cousas, os traballadores acordaron entón convocar paros de dúas horas os días 14, 21 e 28 de novembro e folga con carácter indefinido a partir do 12 de decembro. Non obstante, as mobilizacións fican agora suspendidas tras a sinatura do acordo que garante os itinerarios formativos.
Cómpre lembrar que dende primeiros de ano a SEYDEFE converteuse nun ente de capital privado, logo de que a Autoridade Portuaria de Ferrol se desfixese do 51% da participación que tiña na sociedade. Deste xeito, e dando cumprimento á nova Lei de Portos, a totalidade do capital quedou en mans das empresas que realizan as tarefas de estiba e desestiba na dársena ferrolá.