A folga, acordada polos traballadores, foi convocada pola CIG, UGT e CUT para o día 2 de novembro e a partir de aí todos os mércores. Porén, o dereito a exercela foi conculcado polo SERGAS ao impor uns servizos mínimos que superaban o 100%. Tras impugnalos, emitíronse uns mínimos cautelares que só manteñen o 100% nas áreas denominadas críticas, rebaixando ao 33% nas áreas semi-críticas e situándoos, no resto das áres, ao nivel dos servizos de fin de semana.
Con esta modificación, este mércores fíxose efectiva a primeira xornada de folga, que foi valorada moi positivamente polo secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, quen salientou a implicación das traballadoras e traballadores na convocatoria.
En todo caso, Noceda denunciou a destacábel presenza policial no hospital Clínico e o incremento de efectivos de seguridade. Para o secretario comarcal da CIG de Compostela, tamén é especialmente grave o feito de que o SERGAS incumprira ademais estes mínimos cautelares movendo a persoal que estaba destinado nunhas áreas a outras.
A antiga concesionaria, CLECE, volveu obter a contrata, que o SERGAS recortou en case que 700.000 euros anuais. Traballadores e organizacións sindicais temen que esa redución provoque despedimentos e recortes de dereitos, alén dun deterioro do servizo.
Os traballadores denuncian que CLECE adebédalles, desde hai máis de ano e medio, un concepto que se chama carreira profesional, polo que deberían estar percibindo, cada traballador/a, uns 120 euros mensuais. Sinalan que contan cunha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, de hai catro meses, que obriga a efectivizar o seu pagamento pero nin a empresa o asumiu, nin o SERGAS a obrigou a cumprila.
Tamén consideran inadmisíbel que no prego de condicións para a concesión á nova contrata se incluíran conceptos que vulneran o convenio colectivo, como cambios de horarios, de zonas de traballo que non se corresponden coas que teñen encomendadas ou que se eliminen as especificacións das funcións do persoal, que si aparecen delimitadas polo miúdo no actual convenio.
De feito, aseguran que nos pregos de contratación tampouco se estabelece un mínimo das presenzas diarias necesarias e demandadas polo SERGAS. Pola contra, “déixase a porta aberta a que as empresas oferten segundo o seu criterio, sen exixir o cumprimento das actualmente existentes e comprometidas”, afirman.
Este conflito vense arrastrando practicamente desde que esta empresa é concesionaria. Existen varios requirimentos da inspección de traballo que non se cumpriron, pero din que “o SERGAS pasa sistematicamente e como empresa principal non obriga á empresa a asumir as súas obrigas legais coas traballadoras e traballadores”.
A área de influencia do CHUS vai desde a comarca de Santiago a Muros, Noia, Lalín, Silleda, Outes ou Melide, entre outros concellos é atende a case que 400.000 usuarios/as.