Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 16/11/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O persoal de Valoriza Auga reparte folletos explicativos sobre o conflito durante a terceira xornada de folga

Os traballadores, que tamén farán folga mañá xoves, reiteran o chamamento á Emalcsa e ao Concello para que interveñan na procura dunha solución dialogada
Os traballadores de Valoriza Auga, empresa que se encarga da limpeza da rede de sumidoiros da Coruña, continuaron este mércores co calendario de folgas en contra da paralización da negociación do convenio e contra os incumprimentos por parte da empresa da normativa laboral en materia de xornada.

Aproveitando as tarefas que estaba a realizar o camión de servizos mínimos nas inmediacións da rúa Juan Flórez, os traballadores en folga trasladáronse até esa zona para repartir folletos informando sobre os motivos da folga e a situación na que se atopa o conflito. A pesar de levar tres xornadas de paros, dende o colectivo de traballadores critican o inmobilismo de Valoriza Auga, que continúa sen querer sentar a negociar o convenio colectivo.

Así mesmo, o persoal denuncia que “levamos cobrando o mesmo salario dende hai 22 meses, realizando gardas que supoñen plena dispoñibilidade as 24 horas do día e sen que  se respecte o descanso tanto entre xornadas como o descanso mínimo semanal”. Neste sentido, subliñan que, alén de incumprir a normativa laboral vixente, os incumprimentos en materia de descansos supoñen un perigo ao incrementar o risco de accidentes, sobre todo se se ten en conta que este tipo de traballos se desenvolven na vía pública e en condicións de risco.

Novo chamamento á Emalcsa e ao Concello

O persoal de Valoriza Auga apelou novamente á concesionaria do servizo, Emalcsa, e ao Concello da Coruña para que “non fagan oídos xordos ás nosas xustas reclamacións”, xa que como titulares da contrata “deben velar porque se cumpra a legalidade na prestación deste servizo público”. Do mesmo xeito, instaron á empresa municipal de augas e á institución local para que esixan a Valoriza Auga que retome a negociación do convenio colectivo.

Máis xornadas de folgaO calendario de folgas continuará mañá, xoves 17 de novembro e, de non producirse un cambio na actitude da empresa, a folga retomarase a partir do próximo 1 de decembro, mais desta volta terá carácter indefinido. Sobre este punto, os traballadores pediron comprensión á cidadanía da Coruña polas molestias que poidan causar os paros, mais subliñan que Valoriza “non nos deixou outra alternativa que a mobilización e a loita por un convenio xusto”. Finalmente, esixiron a empresa que poña propostas enriba da mesa de negociacións e a Emalcsa e ao Concello, como parte pública, que interveñan dun xeito efectivo na solución do conflito.

cig.prensa@galizacig.com