“As relacións laborais que o grupo mantén cos traballadores e traballadoras son as que mantiña hai trinta anos, utiliza métodos autoritarios e recorre as ameazas e as coaccións cada vez que hai que negociar”. Así o afirmou o responsábel do sector do comercio da Federación de Servizos da CIG da Coruña, Roberto Pérez, que estivo acompañado polo Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e os presidentes dos Comités de Empresa da firma na Coruña.
Como mostra da grave situación que sofren os/as empregados/as de Gadisa, Pérez deu a coñecer unha acta da Inspección de Traballo, na que se sanciona á empresa con 50.000 euros por unha infracción tipificada como “moi grave”. O responsábel de comercio indicou que, logo da resolución de Traballo, a central vai presentar unha demanda pola vía penal contra o Grupo Gadisa para “demostrar que se cometeu un delito contra os dereitos fundamentais dos traballadores e das traballadoras”.
Actitude antisindical
A acta dá conta das actuacións antisindicais que a dirección da firma pon en práctica para evitar que os/as traballadores/as exerzan libremente os seus dereitos laborais. Na mesma, recoñécese que os responsábeis de Ecomás Supermercados (unha das firmas de Gadisa) impediron ou tentaron impedir o libre exercicio do dereito a participar na empresa a través do comité, así como que dende a dirección se tentou impedir que os candidatos da CIG se presentasen ás eleccións sindicais baixo ameazas e coaccións.
A falla dunhas relacións laborais xustas e limpas cos traballadores/as chega a tal punto que mesmo a empresa se encarga de redactar as actas da Mesa Electoral e desenvolver o papel que lle correspondería ao Presidente da mesma. Unha práctica que Inspección constatou que está estendida noutras firmas do Grupo.
Falla de dereitos
O responsábel de comercio da CIG da Coruña indicou que o método das ameazas tamén se pon en práctica cando se trata da negociación individual e colectiva. Neste senso apuntou que sempre “temos que recorren á vía da demanda para chegar a algún acordo”.
Pérez sinalou que non se respectan os acordos recollidos no convenio colectivo, non se pagan as horas extras, nin o plus de nocturnidade, chegando mesmo a modificar os horarios nalgún dos almacéns para evitar ter que aboar os cartos.
Gadisa tampouco cumpre a normativa no caso da contratación temporal, que se “atopa toda en fraude de lei e cando un traballador reclama os seus dereitos págaselle directamente o despedimento”. De igual xeito, non existe plan de prevención de riscos laborais nin se desenvolveu o Plan de Igualdade, ambos os dous requisitos estabelecidos pola lexislación vixente.
Campaña
Os membros dos Comités de Empresa aproveitaron a comparecencia para anunciar o inicio dunha campaña destinada a denunciar publicamente a súa precaria situación laboral e a falla de dereitos. Dentro da iniciativa está previsto a elaboración dunha páxina web e o reparto de camisetas entre a cidadanía.