A reactivación dos traballos de desmontado do guindastre foi constatada pola propia Inspección de Traballo e técnicos do ISSGA no decurso dunha visita realizada ás obras o pasado 15 de novembro, no marco do proceso de investigación aberto para coñecer as causas do accidente e logo de manter diversas reunións con representantes da UTE e as empresas subcontratadas (cómpre subliñar que Grúas Usabiaga tamén subcontratou parte dos traballos de desmontado). Naquela visita, segundo se explica nun escrito da Inspección, comprobouse o incumprimento do requirimento trasladado pola autoridade laboral mediante o que suspendía a realización dos traballos até non estar garantidas todas as medidas de seguridade e ter eliminado calquera risco para o persoal.
A decisión de retomar o proceso de desmontado, explícase no escrito, alén de incumprir o requirimento, tamén imposibilita agora a continuidade da investigación para esclarecer as causas exactas do accidente mortal, xa que a Inspección tiña intención de completar as pescudas cos datos tirados das labores de extracción do último bulón da grúa, todavez que o sinistro tivo lugar no momento no que se pretendía acometer esta tarefa.
A CIG entende que esta actuación debería ter unha sanción exemplar ao obstaculizar, de xeito premeditado, as labores de investigación e eliminar posíbeis probas para esclarecer o sucedido o día do accidente, e polo tanto, as responsabilidades do mesmo. Máxime tendo en conta que a Inspección de Traballo priorizou a investigación da causa do accidente sobre a retirada das pezas da grúa.
Neste sentido, a central sindical esixe á Autoridade Portuaria que esclareza se era coñecedora desta decisión e, neste caso, explique por que permitiu unha actuación tan grave que dinamita a investigación levada a cabo por outra administración. Do mesmo xeito, se a Autoridade Portuaria descoñecía esta situación debe condenar os feitos e adoptar todas as medidas oportunas para depurar responsabilidades e aclarar estes sucesos.
Responsabilidade da Autoridade Portuaria
Para a CIG, este silencio cómplice da Autoridade Portuaria vén corroborar as denuncias feitas ao longo destes anos pola central nacionalista a respecto dos incumprimentos da normativa sobre prevención de riscos e medidas de seguridades nas obras de Punta Langosteira. Hai que lembrar que a CIG solicitou, tras o accidente, a convocatoria urxente da Mesa de Seguridade para abordar as causas deste sinistro e avaliar as medidas de seguridade existentes na obra. Porén, a día de hoxe, a Autoridade Portuaria aínda non convocou dita xuntanza, evitando así asumir calquera responsabilidade neste caso.
Do mesmo xeito, o desinterese da Autoridade Portuaria nesta materia queda constatada novamente ante o feito de que nin sequera convocou a reunión ordinaria da Mesa de Seguridade, sinalada para novembro, producíndose o último encontro o pasado mes de setembro. A CIG tampouco ten constancia do avance da suposta investigación anunciada pola administración portuaria para aclarar o sucedido.
A CIG pide actuacións contundentes
A espera de que a autoridade laboral conclúa o seu informe, a CIG pide unha actuación contundente por parte da Inspección de Traballo e pola Fiscalía, co obxecto de depurar todas e cada das responsabilidades pola morte do traballador, os incumprimentos das medidas de seguridade e a obstaculización do labor de investigación.