A Axencia da Bolsa de Emprego xurdira despois das mobilizacións polo convenio de Pontevedra no ano 2006, e que no ano 2007 volvera ser necesario sair á rúa 18 días o naval para que se cumprira o convenio neste aspecto, onde se desenvolveu a Disposición Adicional V deste convenio. Asi, o secretario nacional da CIG-Metal, Miguel Malvido, comezaba facendo un pouco de historia sobre este mecanismo de regulación de contratación para dar a coñecer o contido do pre-acordo asinado na noite do 15 de febreiro, e que supón a desaparición desta Bolsa.
(Ao final da nova podedes descargar o pre-acordo completo asinado pola patronal, Administración, CCOO e UGT)
Regulación da contratación
"Sabedes que neste último convenio, a parte da posición común que a CIG tiña con CCOO e UGT en canto ao pedido de duración e salarios, a CIG mediado o proceso de negociación e polas reivindicacións do conxunto dos traballadores do sector naval puxo como elemento prioritario na negociación do convenio a cuestión da regulación da contratación no naval porque tiñamos detectado que a Bolsa de Emprego estaba a ser saltada, e hbia determinados elementos que se supuñan que se podian controlar desde a Bolsa de Emprego que non se facían. De aí viñeron as denuncias que estaban entrando a traballar no sector traballadores con condicións por debaixo do convenio colectivo, é dicir, incumprindo o artigo 1 do convenio colectivo", explicou Malvido.
O secretario nacional da CIG-Metal denunciou que a través dos contratos indefinidos era un dos métodos de saltarse a Bolsa do Naval, xa que neses casos non existía por parte das centrais sindicais a vixilancia necesaria. Tamén fixo referencia á sinatura do preacordo do convenio do metal provincial actual, do que a CIG non participou, "porque nos sentimos traizoados na fase final do conflito e do convenio", e asi foi como se chegou até estas reunións pola contratación do naval, das que a CIG participou.
Sorpresa e malestar na mesa do naval
"Para a nosa sorpresa unha proposta que nin CCOO nin UGT nin a patronal fixeron na propia negociación do convenio, expoñen a mediados de decembro que para eles a Bolsa cumprira xa a súa finalidade, era un elemento que non lles servira, e que tiña que rematar a 31 de decembro", continuou explicando, e engadiu que "nesa discusión, na que nós como sindicato nos sentimos realmente molestos, porque iso se tería que ter debatido na propia negociación do convenio, xa que a Bolsa de emprego é unha derivación do propio convenio colectivo".
"Todo é fume no pre-acordo"
Neste contexto deuse un prazo de 45 días para mudar o sistema ou modificar aquelas cuestións que "considerabamos que era oportuno modificar porque viamos que non funcionaban ben na bolsa de emprego". A proposta da patronal en todo momento, segundo relataron os representantes da CIG nesta mes, foi que "non querían ningún sistema que se parecese á Bolsa de Emprego, e novamente as outras organizacións sindicais aliáronse coas teses da patronal, e chegaron a un acordo "no que todo é fume".
"Nós entendiamos que nestes 45 dias se poderían modificar aqueles elementos nos que considerabamos que non eran válidos ou que entorpecían o control da regulación da contratación, mais non só non se mellorou o que tiñamos senón que nos retrotrae este acordo ao ano 2005. Estamos outra vez sen ningunha regulación no sector", denunciou.
O contido do novo acordo
Sobre o contido do novo acordo, explicaron que vai haber unha lista de nomes de persoas con 12 meses traballando nas profesións que hai no sector, que teñen que ter un curso de riscos laborais de 20 horas, e por iso terán un carnet profesional, que iso ven ser trasladar os acordos de Madrid para o naval, que dician que neste ano os traballadores do sector naval de todo o Estado tiñan que contar cun carnet profesional.
"O fundamental para nós que era a preferencia na contratación segundo a tua antigüidade na Bolsa, pois iso desaparece. O que nos queriamos acotar, que era limitar as contratacións, pois iso queda muito máis aberto do que tiñamos até agora, e nós sen esas dúas condicións preferiamos que continuara a funcionar a Bolsa de Emprego, porque cando menos regulaba minimamente a contratación do sector, e podia ser un mecanismo a mellorar. Quixemos que esta reflexión constara en acta e non foi aceptado polo resto das partes. Parece que é máis cómodo, que non teñamos regulación no sector naval, e significa claramente que as reivindicacións e mobilizacións que veñen facendo a asemblea de parados do naval tiñan toda a razón do mundo, no sentido de que se agora queda tan aberto o tema da contratación, pois aqui non vai haber ninguen do sector, aínda que leve 20 ou 30 anos, que teña posibilidade de traballar no naval de novo", continuou Malvido.
Asembleas e mobilizacións
Informaron de que a CIG vai realizar asembleas no conxunto do sector: nos estaleiros, nos talleres, nos centros de reparación.. "Imos expor ao sector que é preciso mobilizarse porque nos levan á lei da selva, a que non haxa ningún tipo de regulación. A partir de mañá asembleas nos centros de traballo, e na próxima semana mobilizacións en todo o sector", relatou o secretario nacional.
Quenda de preguntas
Na quenda de preguntas desta rolda de prensa, desde os medios volveuse facer fincapé na acreditación profesional, polo que se explicou de novo que a partir de agora iso só ia significar que "con este novo carnet só tes que certificar a túa experiencia na profesión 12 meses, é dicir, que calquera caldereiro de calquera lugar, calquera soldador de calquera lugar ou doutra actividade, poderá traballar na ría de Vigo. A diferencia é que antes tiñas que demostrar a túa experiencia nestes estaleiros, e agora son 12 meses na profesión, veñan de onde veñan, polo que queda totalmente aberto o abano de posibilidades desa certificación, cando até o momento era unha cuestión que afectaba aos traballadores que estaban baixo o convenio provincial de Pontevedra".
Vulneración da Disposición Adicional V
Manolo Simón, responsábel do naval da comarca de Vigo da CIG-Metal, fixo referencia á disposición adicional V do Convenio, que "é lei", di que o mecanismo basease en tres pilares: profesionalidade, preferencia de emprego e compromiso das empresas principais, que os estaleiros deberan ser os garantes de que todos os traballadores que veñan teñen que cumprir o requisito de doce meses no sector, e preferencia no emprego, é dicir, unha lista onde haxa unha enumeración segundo se anotaran na bolsa. "Tal e como está asinado está acordo ninguen vai ter esta lista, nun ano a Inspección de Traballo vai chamar a todas as empresas e mirar que todo o persoal contratado a partir de hoxe teñen ese certificado profesional. Seguramente quen imparta este carnet sexan as oficinas de emprego, e calquera poderá entrar a traballar, mesmo soldadores que sexan chapistas de coche. É un sector de risco, é un sector no que é preciso determinada experiencia, e ademais non hai ninguén que se faga cargo dese rexistro de entrada onde se estableza esa preferencia de emprego", incidiu Simón.