Protesta dos traballadores/as do 112 durante un partido do Obradoiro contra o CB León, equipo patrocinado por Telemark.
Cando no mes de decembro se convocaron as eleccións sindicais para renovar o Comité de Empresa, quedou claro que Telemark non ía deixar pasar a oportunidade de condicionar o proceso electoral co fin de restar forza ao cadro de persoal nas súas negociacións. Así, cando a mesa electoral lle solicitou o censo de traballadores, incluíron a 10 persoas entre as que hai directivos da empresa, mandos intermedios que traballan en León -e que ninguén coñece- ou persoal que traballa para o 112 pero desde outra contrata. Nun censo de 83 traballadores a inclusión de 10 máis permitiría automaticamente presentar unha candidatura e elixir un delegado de persoal unicamente cos seus votos. Evidentemente a mesa electoral decidiu a exclusión destas persoas tras non acreditarse a súa pertenza ao centro de traballo.
A sorpresa, explica Inácio Pavón, da CIG de Compostela, veu cando a UGT presenta unha impugnación por entender que estes “traballadores” estaban vendo minguados os seus dereitos no proceso, aínda que o único que fixeron con esta actitude foi favorecer os intereses da empresa no seu intento de manipular as eleccións sindicais.
No laudo arbitral posterior, na Inspección de Traballo da Coruña, “a situación foi esperpéntica”. A UGT que presentara a impugnación nin sequera se personou e foi a empresa directamente a que defendeu a “lexitimidade” destas persoas para participar nas eleccións. Como única “proba” entregaron unhas modificacións que rexistraran na Oficina de Empleo de Castilla y León segundo as que estes traballadores pasaban a estar adscritos ao centro de Santiago, pese a que nunca traballaron nel.
O escandaloso, apunta Pavón, é que as eleccións se convocaron o día 21 de decembro e os escritos están todos rexistrados o día 20 de xaneiro co que, ademais de non poder legalmente participar no proceso, evidencia unha clara intención de inflar o censo con persoal afín co obxectivo de manipular as eleccións. Finalmente o laudo arbitral deixou fora a estas persoas por entender, igual que mesa electoral e a CIG, que non formaban parte do centro de traballo e que nalgúns casos mesmo eran persoal directivo.
Non obstante, “o papel da UGT non quedou só en ser o parvo útil da empresa fronte a mesa electoral e a Inspección de Traballo. Numerosos traballadores do 112 recibiron, no seu teléfono particular, chamadas dunha tal Ana Blanco que se presenta como “una compañera tuya de León” e que pretende que se lle asine unha candidatura á UGT. Isto non tería nada de estraño se non fora que esta persoa non ten acceso aos teléfonos particulares dos traballadores se non llos facilita a empresa e porque o ton das chamadas é claramente coaccionador”, denuncia. A UGT convocou no seu día asembleas de traballadores, promovidas polos mandos da empresa, nas que non conseguira elaborar unha candidatura.
Desde a CIG esíxese que cesen as presións e que os traballadores e traballadoras do 112 podan escoller libremente se queren ou non formar parte dunha candidatura e cal vai ser a súa participación no proceso electoral. Así mesmo, infórmase que se teñen presentado denuncias contra Ana Blanco, UGT e Telemark por infraccións laborais e por incumprimento da Lei de Protección de datos.