Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 16/2/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Alcoa rexeita o preacordo asinado para o ERE por non considerar xustificadas as causas económicas nin produtivas

Os traballadores e traballadoras volveron manifestarse na tarde do xoves contra a regulación de emprego
A Sección Sindical da CIG en Alcoa manifestou o seu rexeitamento ao preacordo asinado no día de hoxe, xoves 16 de febreiro, para o ERE de suspensión temporal na fábrica da Coruña, ao non recoñecer as causas económicas nin produtivas nas que está baseada o expediente, pois a situación da fábrica “non é conxuntural senón provocada”.

En canto as causas económicas, aseguraron que, en función da información da que dispón a Sección Sindical, despréndese que nos últimos tres anos tanto as instalacións da Coruña como de Avilés teñen un resultado positivo. Como exemplo pódese citar que no ano 2011 a empresa ten un saldo positivo próximo aos 400 millóns de euros e un resultado da explotación das fábricas de case 11 millóns de euros.

“Tampouco podemos aceptar como causa válida a previsión de perdas feitas para o ano 2012, por estar calculada cun prezo da cotización do aluminio á baixa (1.975 $/Tm), cando xa no que levamos de ano este valor oscila arredor dos 2.200 $/Tm. Cifra esta que implicaría beneficios se fose usada para calcular esa previsión”, subliñan.

Ademais, as contas que presenta a empresa deste último ano non están consolidadas e non é posíbel obter estas contas por outras vías, xa que non se atopan no rexistro mercantil.

No referente ás causas produtivas, segundo as propias palabras do presidente da multinacional, Klaus Kleinfeld, para este ano prevese un incremento da demanda do alumunio no mundo do 7%.

Neste senso, cómpre lembrar que Alcoa está a construír a maior planta de alumunio do grupo en Arabia Saudita, que se prevé que entre en funcionamento durante o ano 2013. Tamén é coñecido que Alcoa está a investir capital para mellorar a produción doutras plantas en diferentes países. “Por iso, entendemos que a verdadeira causa deste ERE é a deslocalización da produción cara países con custes enerxéticos e laborais máis baixos”, aseveran os delegados da CIG.

Como exemplo desta afirmación recordan que hai dous anos a planta da Coruña deixou de producir 20.000 T/anuais de alambrón en favor da fábrica de Islandia, o que supuxo a parada definitiva da instalación de laminación de Alcoa Inespal.

Vistas estas circunstancias,  a Sección Sindical da CIG en Alcoa non pode admitir este ERE porque suporía aceptar como certas e estar en concordancia coas causas tanto produtivas como económicas alegadas pola empresa, como xa estabelece o artigo 47 do novo Estatuto dos Traballadores que di textualmente: “Cando o período de consultas finalice con acordo presumirase que concurren as causas xustificativas”.

Aceptar esta regulación temporal, advirten, suporía abrir a porta a un futuro ERE de extinción e á desaparición de máis de 500 postos de traballo directos.

Manifestación ante as instalacións

Na tarde do xoves os traballadores e traballadoras da fábrica volveron manifestarse en contra deste ERE, nesta ocasión cunha marcha que saíu das instalacións de Alcoa, percorreu unha parte da estrada a Arteixo para regresar novamente á fábrica.

cig.prensa@galizacig.com