A realización destas asembleas, explica o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, acordouse co obxectivo de dar unha primeira resposta rápida á reforma laboral, explicar o alcance da mesma e abrir así un debate con todas as persoas interesadas a respecto da necesidade de ofrecer unha contestación social contundente que poña freo a estes ataques contra os dereitos da maioría da poboación.
Neste contexto, informouse aos/ás asistentes das accións que a central nacionalista ten previsto levar adiante nas próximas semanas e que xirarán arredor das mobilizacións do 10 de Marzo -Día da Clase Obreira Galega- e da folga xeral convocada para a última semana de marzo.
“Estamos ante a reforma laboral máis dura que se fixo dende a transición”, subliñou Seixo durante a asemblea celebrada en Compostela, “e ten unha finalidade moi clara: abaratar o despedimento, facilitar man de obra barata ás empresas e provocar unha caída dos salarios nos próximos anos”. A reforma laboral decretada polo Goberno de Mariano Rajoy, aclarou, non vai en ningún caso fomentar a creación de emprego, tal e como xa se demostrou coas reformas anteriores. De feito, aseverou o secretario xeral da CIG, para garantir a creación de postos de traballo é preciso un cambio radical das políticas económicas.
Por iso, dende a CIG reiterouse que o obxectivo real deste cambio da normativa laboral, aplicado baixo a escusa da crise, pasa pola imposición de medidas estruturais que recortan dereitos e condicións laborais da clase traballadora, situándoa nun escenario de debilidade fronte á patronal. “Esta é unha reforma feita á carta para a patronal e o capital e supón na práctica desmantelar o marco do dereito laboral e a súa finalidade básica: protexer á parte débil das relacións laborais, é dicir, aos traballadores e as traballadoras”.
Campaña de concienciación e mobilizacións até o día da folga xeral
Para enfrontar este panorama, a CIG ten en marcha unha campaña de concienciación e loita que desembocará na convocatoria de Folga xeral de finais do mes de marzo. Nestes momentos, estanse realizando asembleas e reunións nos propios centros de traballo para informar do contido e as consecuencias deste reforma, así como das medidas xa adoptadas e das que se prevé que se impoñan nos próximos meses.
“A única vía para contrarrestar estas medidas é a través da contestación social e a mobilización. Non serve agardar milagres deste tipo de políticas que non buscan solucionar o problema fundamental que temos nestes momentos: a falta de emprego”. Por iso, advertía Seixo, a CIG artellará unha contestación cada vez máis dura, en sintonía coa gravidade dos ataques aos nosos dereitos, e que, sen dúbida, ha de pasar pola convocatoria dunha folga xeral, á que nos próximos días á central porá data definitiva.
Así mesmo, a CIG tamén estuda promover asembleas de delegados/as e manifestacións en todas as comarcas para o vindeiro 1 de marzo, previas ás mobilizacións que se convocarán con motivo do Día da Clase Obreira Galega. A partir de aí e até a xornada de folga xeral programarase novas accións en distintos eidos.
Galería de imaxes das asembleas
Consulta a nova da CIG na que se avalía a reforma laboral
Accede aquí ao vídeo do discurso íntegro de Antolín Alcántara en Vigo sobre a reforma laboral