marco
Compostela, 16/3/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Mario César Vila, Elena Lima Olveira, Ana Tembra (polos arqueólogos/as) e Manuel Díaz (da asesoría xurídica da CIG-A Coruña), foron as persoas asinantes deste convenio galego, asi como Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG-Banca.
Foto da primeira asemblea nacional de traballadores e traballadoras da arqueoloxía que se realizou en Compostela no ano 2006.

Acádase o I Convenio galego para traballadores e traballadoras de Arqueoloxía

O documento foi asinado pola Federación da Banca da CIG e a AEGA
O pasado 12 de marzo representantes da Asemblea Xeral de arqueólogos/as, a CIG e da AEGA (Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía), asinaron o I Convenio Colectivo de ámbito autonómico de Galiza para a actividade arqueolóxica, vixente para os anos 2009 e 2010.
Asemblea de traballadores e traballadoras da Arqueoloxía celebrada en outubro de 2007 nos locais da CIG en Compostela.

Dende a Federación da Banca da CIG informouse ao colectivo dos traballadores/as que tras a remisión do borrador á AEGA, unha vez votado e aprobado na Asemblea Xeral, foi necesaria a realización dalgunha xuntanza cos representantes de dita asociación, co fin de aclarar certos aspectos do convenio. Eses aspectos formalízanse nalgúns cambios que aparecen no texto definitivo do convenio, entre os que xa se inclúe o aumento na táboa salarial do IPC correspondente ao ano 2009 (1,4% de IPC+0,5%).

O documento aprobado estabelece catro categorías profesionais: arqueólogo/a, técnico/a especialista, persoal de apoio e persoal administrativo e recolle que, en calquera actividade arqueolóxica, o persoal das categorías I e II debe representar, cando menos, o 25% do persoal dedicado a esa actividade.

Así mesmo, recóllense as táboas salariais para este ano en cada unha das categorías, regúlase a contratación dos profesionais e exclúense da aplicación dalgúns puntos do convenio a aqueles profesionais que gocen de mellores condicións que as recollidas no documento, xa que as condicións están estabelecidas “con carácter de mínimas”, co obxectivo de achegar un primeiro marco regulador neste sector dentro do ámbito galego.

Tamén se dedica un punto do convenio para a contratación de persoal autónomo, no que se determina que “as empresas non poderán contratar con estes/as a prestación de servizos independentes por debaixo dos custos laborais que se derivarían da contratación dun traballador/a por conta allea da mesma categoría e nas mesmas condicións laborais”. Con este acordo preténdese evitar a utilización xeneralizada ou abusiva de profesionais autónomos para eludir as obrigas pactadas neste convenio.

Novas relacionadas 

Documentos
090313_convenio_arqueoloxia_asinado.txt