Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 16/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Saúde de Lugo lamenta que o persoal se teña que informar pola prensa dos planos de reorganización do Hospital Xeral

A Federación reitera a necesidade de elaborar un mapa de competencias profesionais contando coa participación dos/as traballadores/as
A CIG-Saúde “agradeceu” as explicacións que dá na prensa o Director de Enfermería do Complexo Xeral-Calde, xa que, lamentabelmente o macroplan de reorganización non foi comunicado globalmente e incluso por escrito á representación dos/as traballadores/as. “Congratulámonos inmensamente co incremento de persoal que se expón nos medios e desexaríamos que isto se comunicara tamén do resto de categorías”, apúntase nun comunicado. Non obstante, dende a CIG Saúde lamentaron que a dirección de enfermería non teña deseñado un plano de competencias de modo que cada categoría profesional desempeñe as súas tarefas de acordo co seu curriculum formativo e que o traballo se planifique por parte de un equipo multiprofesional.

“Parece polas súas declaracións que, efectivamente, a enfermería se excede no desempeño profesional e que ten que pasar a asear pacientes. Hai que aclarar que o aseo do paciente encamado é competencia clara das/os enfermeiras/os, pero parece paradoxal que, nunha época na que existe a prescrición enfermeira, na que as especialidades de enfermería están  a punto de definirse, na que Bolonia vai marcar na formación a posibilidade de ser Doctor/a en Enfermería, neste hospital se dediquen ao aseo do/a paciente, ignorando o desenvolvemento do corpo teórico que sustenta aos coidados profesionais de enfermería”, critican dende a CIG-Saúde de Lugo.

Segundo o declarado aos medios, o persoal  Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería vai facer este aseo como tarefa delegada se o/a enfermeiro/a non ten tempo, cando, explican dende a Federación de Saúde, o que deberían é desenvolver as súas competencias de xeito coordinado e autónomo.

Así mesmo, a Federación ten coñecemento que os/as celadores deixarán de atender directamente aos pacientes e serán transportadores dos mesmos, exclusivamente. Segundo manifestou a Xerenta do SERGAS teñen funcións obsoletas e serán unha especie en extinción, polo tanto o persoal auxiliar terá como faceta propia a mobilización de doentes que viña realizando o celador/a. “Se en todas as autonomías gobernadas polo PP se reduce persoal de Enfermería para un aforro económico que empeora a asistencia (hai estudos en toda Europa que falan da deriva cara a privatización e das súas consecuencias sobre a poboación), que razón levan a aumentar este persoal en Lugo?, pregúntanse dende a CIG-Saúde, máis cando se baralla a redución de Técnicos de Laboratorio nas urxencias.

A este respecto, apuntan a posibilidade de que ter cadros de persoal completo sexa utilizado para non contratar substitutos cando os traballadores/as falten menos de 15 días, tal e como se vén facendo no sistema sanitario de Madrid, altamente privatizado.

A CIG-Saúde insiste na necesidade de elaborar un mapa de competencias profesionais, expoñelo e permitir a participación do persoal nas cuestións que lle afectan directamente.

cig.prensa@galizacig.com