Pasados poucos minutos das tres da tarde, os traballadores e as traballadoras de Sykes Enterprises comezaban a xuntarse ás portas do centro de traballo que a multinacional ten no Polígono de Agrela. Iniciábase a así unha nova xornada de paros e mobilizacións en contra das pretensións da empresa de despedir a preto de cincocentas persoas nos centros de A Coruña e Lugo e deslocalizar a súa actividade.
Nesta ocasión, os traballadores/as aproveitaron o paro de tres horas na empresa para realizar unha manifestación até o edificio da Delegación do Goberno, onde denunciaron as autorizacións que o Ministerio de Xustiza está a conceder as compañías telefónicas para trasladar os arquivos de datos dos seus clientes, facilitando así a súa deslocalización. De feito, os primeiros despedimentos do persoal por obra e a presentación do ERE chegaron pouco despois de que a Axencia española de Protección de Datos autorizase a Vodafone, que até o momento mantén contratadas varias campañas con Sykes, a trasladar arquivos de datos dos seus clientes a países de Sudamérica.
Neste senso, o secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril, lembrou que a multinacional do telemárketing obtivo substanciosos beneficios nos últimos anos, mentres que veu reducindo de xeito considerábel os custos imputábeis ao persoal, “polo que a causa económica alegada por Sykes para os despedimentos non ten consistencia. Os datos positivos da empresa avalan a posición contraria ao ERE que a CIG mantén dende o primeiro momento”.
Pola súa banda, Dina Lema, delegada da CIG en Sykes, subliñou que a empresa non está buscando novos contratos de campañas nin estuda un plano de viabilidade, a pesar de que “o centro de traballo de A Coruña foi o que máis produtividade obtivo”.
A ausencia da Xunta
O secretario comarcal da CIG de A Coruña subliñou que a Inspección de Traballo vén de emitir un informe no que apoia os escritos formulados dende a CIG nos que se facía constar que o expediente de regulación carece da documentación necesaria, xa que a empresa non presentou o plano de viabilidade esixido pola lei.
“O que parece demencial é que a conselleira de Traballo fixese declaracións asegurando que a Xunta ía respectar todo o procedemento legal, pero non iniciara de oficio a denuncia da falta de documentación. Isto demostra unha vez máis o deixamento e a despreocupación do goberno galego polo mantemento dos postos de traballo”, criticou Carril.
Os traballadores e as traballadoras continuarán co calendario de mobilizacións durante os vindeiros días.