Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 16/3/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Carteiros/as do rural demandan a Correos a creación dunha Mesa para actualizar os pagos polo gasto de combustíbel

O persoal que realiza o reparto postal nestas zonas, que utiliza o seu vehículo particular, ten que afrontar co seu salario parte dos custos derivados do servizo
Carteiros e carteiras do rural procedentes de toda Galiza concentráronse na tarde do martes diante do edificio de Correos de Compostela en demanda da creación dunha Mesa de Carburantes que permita actualizar as cantidades que a empresa postal paga aos traballadores/as polo uso dos seus vehículos particulares para facer o reparto.

A CIG-Correos demanda que no novo convenio e acordo funcionarial se recolla a creación dunha Mesa de Carburantes que, en períodos de tres meses, actualice as cantidades que polo uso de vehículo particular paga a empresa a este persoal. Con este sistema, que a CIG vén demandando dende hai anos, equiparíase o prezo que paga Correos (na actualidade é 0,2251 €/Km) co custe real do carburante.

A cantidade de partida, explican, nunca podería estar por debaixo dos 32 céntimos de euro por quilómetro aínda que, de seguir nesta escalada de prezos, mesmo esta cantidade quedaría desfasada nun corto período de tempo. De aí que se pida a súa actualización cada tres meses.

Ademais, o colectivo de carteiros e carteiras demandou a Correos acordos para facilitar a compra dos vehículos, así como algún tipo de axuda para seguros, talleres e automóbiles de substitución, dado que estes traballadores e traballadoras non reciben ningún tipo de exención no IVE nin gozan de ningún tipo de vantaxe fiscal ou comercial, a pesares de que os seus vehículos traballan o 85% da súa vida útil o servizo de correos,

“Os vehículos do persoal rural sofren un  desgaste moito maior que os dedicados a uso privado, véndose a súa vida útil reducida substancialmente, xa que sempre circulan cargados, realizan a maioría do seu percorrido por estradas en mal estado, corredoiras e camiños sen asfaltar, e arrancan e paran unha media de 150 veces nunha xornada co que o consumo de combustíbel se dispara”, aclaran.

Nos últimos tempos esta situación agravouse preocupantemente, dado o incremento desorbitado do prezo dos carburantes, batendo records diariamente, o que está a producir efectos devastadores na economía destes carteiros e carteiras que teñen que pagar do seu peto estas subas.

A CIG considera inxusto que o persoal rural siga sufragando do seu peto o Servizo Postal Universal do que por lei ten encomendado a súa prestación Correos durante os próximos 15 anos e é o Goberno español quen ten a obriga de financiar este Servizo, non os carteiros /as rurais cos seus soldos.

cig.prensa@galizacig.com