Para Seixo o importante é suprimir a disposición adicional 17ª da lei da función pública, que permite que os funcionarios que ocuparon postos de dirección poidan cobrar un plus de até 15.000 euros, e solicitou ao BNG que continúe adiante coa Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola CIG ou ben que como grupo “promova unha proposta para modificar a lei no senso de eliminar o complemento. Iso sería o que tería realmente transcendencia de cara ao futuro”.
O secretario xeral da CIG quixo lembrar que central nacionalista foi a única que no seu momento “deu a cara en contra do plus dos altos cargos, manifestando publicamente e de forma activa a nosa oposición a esta medida”. Seixo reiterou a petición de retirar o complemento de destino por tratarse dunha medida inxusta e discriminatoria e recordou que a ILP “está aí” e que os grupos a poden retomar “se interesa”.
En xuño de 2008 a CIG entregou no Parlamento de Galiza máis de 19.000 sinaturas, para promover unha ILP e obrigar á institución parlamentaria a retomar o debate sobre o chamado plus de altos cargos. Non obstante, o debate da proposta de lei sufriu un bloqueo permanente na pasada lexislatura tanto por parte dos grupos políticos como da presidencia do Parlamento.