Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 16/4/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O persoal de Alfageme continúa nunha situación de incerteza absoluta tras da reunión co Director Xeral do IGAPE

O responsábel do instituto de promoción económica afirmou estar realizando xestións, aínda que recoñece que a familia Lago “non facilita” unha solución
Representantes dos traballadores e traballadoras de Alfageme reuníronse esta mañá en Vigo co Director Xeral do Igape para tentar buscar unha solución á difícil situación que atravesa o cadro de persoal. Non obstante, segundo explicou o Secretario Nacional da FGAMT-CIG, Xosé Fernández Piñeiro, non se produciu ningún avance xa que o responsábel do instituto limitouse a constatar que a empresa ten presentado concurso de acredores e asegurar que a administración continuará realizando xestións para atopar un comprador e apartar a familia Lago da dirección da empresa.

Piñeiro, quen lamentou a ausencia do Conselleiro de Industria na reunión, indicou que o Director Xeral do Igape lles trasladou a súa preocupación polo futuro da empresa, xa que, segundo afirmou, os propietarios “non están a facilitar as xestións” e non se albisca unha solución favorábel. Neste senso, confirmou que Alfageme ten presentado concurso de acredores, aínda que se comprometeu a que a Xunta continuará realizando xestións na procura dun comprador.

Dende a FGAMT-CIG reclámase unha maior implicación da administración galega, co obxecto de garantir a actividade das factorías e a continuidade dos postos de traballo. A este respecto, Piñeiro adiantou que a primeiros da vindeira semana o persoal adoptará novas medidas a desenvolver, diante da inviabilidade da súa situación, pois están sen cobrar os salarios e sen actividade efectiva.

Mentres tiña lugar a xuntanza, un nutrido grupo de traballadores e traballadoras procedentes das plantas de Alfageme en Vigo e Ribadumia desenvolvían unha concentración para esixir unha solución urxente.

cig.prensa@galizacig.com