Con esta concentración a CIG quere trasladarlle a súa solidariedade ao compañeiro acusado, ademais de denunciar o que considera unha decisión política que persegue “criminalizar o movemento obreiro e desactivar toda resposta organizada ás inxustizas do sistema”. Nese senso, enmarca a celebración do xuízo na escalada represiva que está a protagonizar o PP coa aprobación de medidas que só buscan atacar os sectores máis organizados e combativos, “como é o caso do metal”.
O xuízo celébrase no Xulgado do Penal número 2 de Vigo despois de que a Fiscalía solicitase catro anos de prisión para Alcántara e outras dúas persoas, o secretario comarcal de CCOO e a anterior responsábel do gabinete de prensa da CIG na cidade. Os tres están acusados de desordes públicos (dous anos) e danos (outros dous).
Este non é o único proceso xudicial que ten pendente o dirixente da CIG, xa que aínda permanece aberto outro procedemento penal contra el, neste caso pola ocupación do edificio da Xunta durante a folga do metal de 2007. Por estes feitos tamén está imputado, xunto a Antolín Alcántara, o daquela responsábel do naval do sindicato, Víctor García.