Louzao lembra que “o Conselleiro de Educación foi pioneiro nos recortes no ensino público, mediante a ampliación do horario lectivo do profesorado, o incremento de días de baixa do profesorado sen ser cuberto mediante substitución e outras medidas que levaron a que os centros galegos estean sufrindo hoxe carencias de profesorado e de medios. Non perdamos de vista que nestes últimos anos suprimíronse máis de 2.000 docentes e que con estas medidas veríanse incrementados noutros tantos. ”
Entende que estas medidas “son un ataque aos alicerces da calidade de ensino” e que atacan algúns dos elementos esenciais para acadar unha educación de calidade. Entre outros, CIG-Ensino sinala:
Ø Un número reducido de alumnos e alumnas por aula, que faga posíbel unha educación máis personalizada
Ø Un número de profesorado por centro suficiente para atender as distintas necesidades e a diversidade escolar
Ø Unha maior diversidade na oferta formativa para o alumnado, de tal xeito que estean cubertas as súas necesidades formativas.
O secretario nacional de CIG-Ensino, pregúntase como se pode falar de calidade do ensino nunha aula na que se poderán superar os 36 alumnos/as, cada un con distintas motivacións e diferentes ritmos de aprendizaxe. Aulas en que haberá alumnos que precisen unha atención personaliza, por provir do estranxeiro ou por ter necesidades educativas específicas e como se pode procurar a atención de todas e todos, promover a participación de cada alumna e alumno e procurar un desenvolvemento práctico da materia máis alá da charla maxistral do profesor ou profesora.
Xunto a isto, denuncia que estas medidas supoñen unha invasión absoluta das competencias que a Galiza lle corresponden, un feito que nos retrotrae ao estado preautonómico.