Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 16/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Saúde rexeita, na súa totalidade, o decreto de Oferta de Emprego Público presentado polo SERGAS

Demanda un plan de ordenación dos recursos humanos que contemple a prestación sanitaria de calidade e condicións laborais dignas
CIG-Saúde vén de manifestar o seu rexeitamento á proposta de Decreto de Oferta de Emprego Público remitido pola Administración, que limita a taxa de reposición ao 10%, provoca a eliminación de postos de traballo na sanidade pública e repercute negativamente tanto na prestación como nas condicións laborais do persoal.

O decreto baséase nos criterios xerais establecidos na Lei 11/2011 de Orzamentos da CA de Galiza e no RD Lei de Medidas Urxentes en Materia Orzamentaria, Tributaria e Financeira para a Corrección do Déficit Público no que respecta á incorporación de persoal de novo ingreso ao sector público galego no ano 2012, que determinan unha taxa de reposición dun 10%.

CIG-Saúde lembra que nas reunións da Mesa Sectorial nas que se tén abordado este tema, nomeadamente na do 3 de abril pasado, ten manifestado, o seu rexeitamento á oferta de emprego tal e como se pretende facer, “asimilando esa taxa de reposición do 10% para ofertar exclusivamente prazas dalgunhas categorías, e non, como historicamente se pide desde CIG-Saúde, a totalidade das prazas en todas as categorías”. Por iso insiste en que “non podemos agora máis que rexeitar este Decreto de Oferta de Emprego na súa totalidade, sen alegar polo miúdo por non estar de acordo coa base na que se sustenta”.

Fronte a isto, salienta que vén demandando, desde hai tempo, un plan de ordenación dos recursos humanos para o estabelecemento dunha política integral de persoal que permita conxugar a prestación de calidade do servizo público da sanidade coas condicións laborais dignas do persoal. “Mais tal e como se concibiu e se pretende aplicar o Plan de Ordenación de RRHH”, explica, “o único que se vai conseguir é inseguridade e incerteza no persoal, aumento da conflitividade e relacionado con iso, unha diminución da calidade da prestación sanitaria”.

Neste sentido, subliña que o que no artigo 3.1 do borrador presentado quere ser unha declaración de intencións do que sería a planificación dos Recursos Humanos do SERGAS. “Parece máis un engano que outra cousa, posto que se fala de adecuado dimensionamento do volume de efectivos cando día a día vemos como non só non é adecuado senón que mingua a pasos de xigante”.

Sinala, ademais, que o borrador recolle a redución da temporalidade no sector público, “cando o que se dá”, di, “son maiores cotas de precariedade laboral e contratos de tempo parcial do que nunca se deu”.

A federación de Saúde denuncia que non se pode pretender, con este Decreto, realizar un lavado de cara, facendo ver que se están ofertando prazas a OPE e incorporando persoal ao sistema, cando na realidade “non se fixo nada para eliminar a taxa de reposición do 10% na Sanidade, e cando a súa aplicación fai imposible que se poidan ofertar o 100% das prazas de todas as categorías, o que implica a desaparición de moitos postos de traballo no SERGAS, facendo mesmo que nun futuro a prestación sanitaria tal e como coñecemos resulta inviábel”.

cig.prensa@galizacig.com