Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 16/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Despiden, vía ERE, a 41 traballadores de Francisco Gómez e Cía.

Onte convocaron unha concentración diante das instalacións da empresa, en Touro
Corenta e un traballadores da empresa ‘Francisco Gómez e Cia’, quedarán na rúa logo de executarse o ERE aprobado unilateralmente pola empresa e que foi xustificado en previsión de perdas futuras. Este martes, os traballadores, apoiados por representantes da CIG-Construción, concentrábanse diante das instalacións do grupo en Touro.

Francisco Gómez e Cia é un grupo dedicado cen por cen á construción de obra pública que xestiona ademais os terreos da mina de Touro. Eduardo Sebio, da CIG-Construción explica que nos últimos anos obtivo, pola súa actividade, uns beneficios millonarios e denuncia que agora, aproveitando a reforma laboral e alegando supostas perdas futuras pola falta de carga de traballo, decidiu aplicar un ERE que deixa na rúa a 41 traballadores.

Sebio denuncia que a actitude desta empresa, non só é inadmisíbel cos traballadores -algúns deles levaban até 20 anos traballando para ela- senón tamén reprobábel do punto de vista ecolóxico e social.

Francisco Gómez e Cia ao facerse coa xestión dos terreos da mina de Touro asumiu a obriga de rexenerar a zona afectada pola actividade mineira. Porén, o representante da CIG-Construción asegura que no canto diso, o que fixo foi aproveitalos como vertedoiro para botar lodos de depuradora, restos de conserveiras ou cunchas. “A acumulación de restos provoca uns cheiros insoportábeis e mesmo contaminou o río Lañas e o regato de Brandelos”.

O representante da CIG-Construción considera que até o de agora, a empresa conseguiu acalar aos veciños, malia estas prácticas, porque moitos deles, que agora son despedidos, dependían economicamente da súa actividade.

A explotación da mina de Touro podería reabrirse se os estudos iniciados son satisfactorios. De feito, unha multinacional, Lundin Minig Corporation, asinou recentemente un acordo de opción de compra. De facerse efectiva a adquisición, a operación reportaría até 60 millóns de euros á construtora. “Isto fai aínda máis inxustificábel que se aleguen perdas futuras e se despida a 41 traballadores”.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com