Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 16/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración de CIG-Banca en Banesto contra a vulneración dos dereitos laborais e polo cese dos responsábeis territoriais

O mércores 17 de xuño, ás 11:30 horas, diante da Oficina principal de A Coruña no Cantón Pequeno
A sección sindical da CIG en Banesto ten convocada unha concentración o vindeiro mércores 17 de xuño, a partir das 11:30 horas, diante da Oficina principal da Entidade en A Coruña (Cantón Pequeno 15), que ao mesmo tempo é a Sede da Dirección Territorial de Galiza e Asturias. Coa protesta quérense denunciar as prácticas laborais levadas a cabo pola dirección de Banesto, que baixo a escusa da crise e a implantación do medo, está obrigando aos traballadores e traballadoras, sistematicamente en todas as oficinas, a realizar xornadas laborais dobradas, “en contra de calquera normativa básica como pode ser o Convenio Colectivo e da predicada e presumida Conciliación da vida familiar e laboral”.

Dende a Federación de Banca quérese denunciar que os dereitos laborais "son impunemente atropelados cada día. A ameaza faise efectiva con traslados inxustificados e caprichosos, de até 300 km, ou a anulación indiscriminada de vacacións. Son castigos, como tamén o son calquera baixa por enfermidade e a reclamación do cumprimento dos dereitos laborais".

Todo isto, critican, vén rematando en destrución de empregos encuberta por “baixas pactadas” irrevogábeis, "previa humillación profesional por parte de Recursos Humanos, especialmente en empregados/as de recente incorporación". Todo isto baixo a negativa constante a manter relacións laborais cos sindicatos.

De igual xeito, a sección sindical da CIG en Banesto exixe o cese inmediato do Director Territorial e a Xefa de Recursos Humanos, "valedores e cómplices desta situación", aos que tamén se fai responsábeis do constante acoso laboral, da inseguridade e do medo instalado no persoal, das presións e ameazas, da arbitrariedade no uso das normas e da política disciplinaria, como única forma de tapar as súas carencias organizativas, profesionais e intelectuais.

 

cig.prensa@galizacig.com