Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 16/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: 19-X : : CCOO : : CIG : : manifestacións conxuntas : : UGT :

CIG, CCOO e UGT convocan conxuntamente as manifestacións do xoves 19 de xullo “contra o saqueo do pobo”

Fan un chamamento á mobilización masiva das galegas e galegos en todas as cidades e vilas de Galiza
Ante a gravidade das medidas impostas polo goberno do PP contra os intereses da clase traballadora en particular, e da cidadanía, en xeral, que supoñen un grave retroceso nas condicións laborais, sociais e da calidade de vida das persoas, a CIG, segundo explica o secretario xeral, Suso Seixo, “viu a necesidade de dar unha resposta o máis ampla posíbel e de intentar converxer con CCOO e UGT nunha convocatoria conxunta, dado que a data prevista para as mobilizacións polas distintas centrais sindicais xa coincidía”. Esa confluencia confirmouse esta mañá e as manifestacións serán convocadas polas tres centrais sindicais en todas as cidades e vilas do país.

Seixo explica que para que esta convocatoria conxunta fose posíbel, a CIG tivo en conta, o novo escenario xerado “polas políticas involutivas do Partido Popular e da dereita máis reaccionaria e franquista, que están a provocar que vaia agudizándose, cada vez máis, o recorte de dereitos laborais e sociais e a calidade de vida das persoas, pero tamén os dereitos democráticos e políticos”.

Xunto á necesidade de dar unha resposta dura e masiva, a central sindical avaliou tamén o novo contexto a nivel sindical. Seixo explica que até o de agora eran un obstáculo para o entendemento “as políticas de concertación social que promovían CCOO e UGT”. Fronte isto, subliña, “hoxe a concertación social é inviábel, pola actual situación, e porque o goberno e a patronal tampouco están nesa vía. Iso lévaos a eles a escorar cara unha posición máis mobilizadora e permítenos a nós tamén achegar posicións”.

O secretario xeral da CIG explica que falta por ver en que medida se pode ir consolidando esta resposta conxunta entre o sindicalismo nacionalista e o sindicalismo español. “Están pendentes reunións para concretar unha resposta común, abordando aspectos como a reforma da negociación colectiva e tamén como se pode ir traballando na perspectiva dunha folga xeral, ou máis, en Galiza e tamén no estado. Nós entendemos que a primeira delas ten que concretarse xa para o mes de setembro”.

Alén diso, o secretario xeral da CIG alerta de que o PP pretende ir cara “un modelo político institucional cada vez máis reducido, canto a participación, na busca de recortar o arco de representación política e co obxectivo de limitalo a dúas únicas forzas, pola vía de articular os mecanismos legais necesarios para impulsar así o bipartidismo”.

As tres centrais sindicais remitiron un comunicado conxunto que, polo seu interese, reproducimos:

 

Baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen”, UGT, CCOO e CIG mobilizaranse o vindeiro día 19 nas principais cidades e vilas galegas

 

Diante das graves medidas que vén de adoptar o Goberno, as tres organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT acordamos convocar conxuntamente manifestacións cidadás o vindeiro xoves, día 19 de xullo, nas principais cidades e vilas galegas que discurrirán baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen”. O acto central, ao que acudirán os secretarios xerais dos tres sindicatos, será en A Coruña.

Todas as medidas están dirixidas a recortar, unha vez máis, dereitos e precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores. 

Con ese obxectivo o Goberno impón a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%, así como, o endurecemento dos requisitos para o acceso á renda activa de inserción, unha vez esgotado o desemprego; de incrementar os impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao10%; de suprimir a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos e a súa negociación colectiva; de reducir as empresas e fundacións públicas; de delimitar a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; de liberalizar o sector servizos ou flexibilizar os horarios comerciais; ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras.

Por iso, facemos un chamamento a que, masivamente, a cidadanía galega poña de manifesto na rúa o seu rexeitamento, tanto a estas políticas antisociais promovidas polo PP, como aos argumentos empregados para defendelos e a forma de escenificalos.

 

Compostela, 16 de xullo de 2012.-

Horarios e puntos de saída das manifestacións

A Coruña: Ás 20:00 h da Praza da Palloza. Manifestación central.

Burela: Ás 20:00 h da Praza da Mariña

Ferrol: Ás 20:30 h do Inferniño

Lugo: Ás 20:00 h da Ronda da Muralla, do edificio sindical

Pontevedra: Ás 20:30 h da Praza da ferrería

Santiago: Ás 20:00 h da Alameda

Ourense: Ás 20:00 h do Pavillón dos Remedios

Vigo: Ás 20:30 h da Vía Norte

Vilagarcía: Ás 21:00 h da Casa do Mar

cig.prensa@galizacig.com