Esta concentración forma parte do calendario de mobilizacións acordado polas asembleas de traballadores/as, que tamén inclúe a convocatoria dunha folga indefinida a partir do 18 de xullo, con paros nas quendas de mañá (de 4:30 a 6:30 horas) e de tarde (de 13:00 a 14:00 horas), que afectarán aos tres centros de traballo da provincia (A Coruña, Ferrol e Santiago).
A Presidenta do Comité, Carmen Leira, explicou que, aínda que a empresa non ten perdas económicas, alega unha caída no volume de ingresos do 13% durante o primeiro trimestre deste ano para xustificar a redución do actual cadro de persoal. Aínda que a medida afectaba a nove empregados/as, finalmente a empresa entregou a carta de despedimento a seis empregados/as.
Dende o Comité rexeitouse dende o primeiro momento esta medida de extinción de contratos, xa que ademais, a dirección comunicou as súas pretensións o pasado mes de xuño no marco dunha reunión para a negociación do novo convenio colectivo.
Fronte a isto, o Comité propuxo medidas menos traumáticas e que non implicasen despedimentos, como reducións de xornada, un ERE temporal ou prexubilacións. Así mesmo, a representación do persoal esixiu da dirección garantías de que se manterán os niveis empregos e se recolocará aos traballadores/as despedidos no momento de producise un incremento da carga de traballo. Porén, denuncian, a empresa négase a estudar calquera alternativa e non se compromete a garantir que non haberá máis despedimentos.