Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 17/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal.

CIG-Metal chama á participar na folga do luns 19 de outubro e anuncia asemblea para os traballadores do sector nos Xulgados

Analizarase a proposta realizada polos mediadores e achegarase o calor e a solidariedade do sector aos 13 compañeiros xulgados
A CIG-Metal convocou o sábado 17 de outubro unha rolda de prensa no local da CIG de Vigo para informar sobre o proceso xudicial e a resposta con mobilizacións que terán lugar a partir do 19 de outubro, convocadas pola CIG. Ás nove da mañá o luns sairán distintas marchas desde as distintas zonas industriais de Vigo, que se encontrarán na Praza do Rei ás 10, desde onde sairán en manifestación cara aos Xulgados. Aproveitarase a concentración diante dos Xulgados para realizar unha asemblea para todos os traballadores e traballadoras do sector para informar e analizar a situación da negociación do Convenio.
Henrique Pérez, coordenador da CIG-Metal de Vigo, Serxio Fontanes, responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Metal de Vigo, Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, e Marcos Conde, secretario comarcal da CIG-Metal de Pontevedra

A convocatoria de folga parcial, de cinco horas desde as nove da mañá, para o luns 19 de outubro foi o primeiro tema que se abordou, e no que o secretario nacional do Metal, Miguel Malvido, desmentiu as acusacións que por parte doutras centrais sindicais se fixeron en relación á unilateralidade da CIG con respecto á convocatoria desta mobilización xa que "tivemos conversas no mes de setembro con CCOO e UGT no mes de setembro respecto á necesidade de convocar mobilizacións e folga na defensa destes 13 compañeiros, asi como cada vez que houbo reunións da Mesa Negociadora do Convenio, que neste mes houbo tres, para tentar facer unha convocatoria unitaria das organizacións que convocamos a folga do 2006, mais isto non foi posíbel porque tanto CCOO como UGT non se quixeron unir, e entendemos que estarán alí convocados simplemente os seus delegados".

"Calquera poderiamos ser un dos 13" 

Malvido lembrou que "estes 13 compañeiros podiamos ser calquera de nós, porque os traballadores do Metal o 6 de maio do 2006 fomos agredidos brutalmente pola Policia, nunha xornada na que houbo 23 feridos, e no que se deu un proceso de detencións indiscriminada, polo que ao dia seguinte todo o sector acudiu aos xulgados para que soltaran a estes detidos".

A necesidade de mostrar o apoio e o calor do sector está na base desta convocatoria de folga, asi como loitar contra a criminalización do movemento obreiro e sindical.

Marchas desde as distintas zonas industriais 

O luns 19 de outubro comezarán desde as nove da mañá as habituais marchas dos traballadores do Metal desde Teis, Beiramar, Avenida de Madrid e o Camiño do Caramuxo. Os traballadores/as do Naval encontraranse no cruce de Colón, e continuarán a súa marcha até a Praza do Rei, onde se xuntarán co resto do persoal en folga que se desprazará desde outros pontos da comarca.

Asi, desde esta praza do Concello comezará unha manifestación ás dez da mañá que se achegará até as portas do Xulgado, na rúa Coruña, onde terá lugar o proceso xudicial contra estes trece compañeiros, ás 10 da mañá na Sala do Penal nº2.

Concentración nos Xulgados e Asemblea sobre o convenio actual

Anunciaron nesta rolda de prensa que se aproveitara esta concentración diante dos Xulgados para realizar unha asemblea de traballadores na que se analizará a situación da negociación do convenio colectivo do sector.

Comunicado da CIG-Metal sobre a proposta dos mediadores

Sobre a proposta realizada por mediación anexamos o seguinte comunicado realizado pola CIG-Metal para clarificar o seu posicionamento ao respecto:

Na última xunta da Comisión Negociadora do Metal celebrada o xoves 15 de outubro, aparece un documento para a proposta de sinatura do convenio presentada polos mediadores e que aborda os tres aspectos normativos a debate: salarios, xornada e contratación. Ante esta proposta a CIG quere manifestar o seguinte:

1- A proposta foi debatida entre as partes excluíndo formalmente á CIG. En diferentes momentos da xuntanza os mediadores reúnense por separado cos empresarios e posteriormente con UGT e CCOO, deixando incomprensibelmente a CIG fora do debate, por tanto non se tivo en conta a nosa opinión para a redacción do texto presentado.

2- A proposta para o Acordo do Convenio reproduce con escasas diferencias á presentada no seu dia polos Mediadores no mes de xuño, durante a folga que mantiveron os traballadores do sector. Naquel momento o pronunciamento dos traballadores foi inequívoco de rexeitamento a esta proposta.

3- No texto, no apartado referido ao incremento salarial para o segundo e terceiro ano, entendemos que non se garante ningún incremento salarial no suposto de que o IPC rematara en deflación en porcentaxes idénticas ou superiores ao incremento porcentual pactado. Tamén no caso da deflación en porcentaxes menores entendemos que se deduciría do incremento pactado a maiores do IPC. Entendemos que a parte do texto que compromete "non se aplicará desconto en ningún ano", só garante que non se reduce o salario vixente.

4- No referido á contratación o texto presentado non asegura ningún acordo que garanta a estabilidade dos empregos no sector naval, nin a eliminación da contratación irregular e de dumping salarial.

5- Para a CIG a valoración da Proposta segue a ser a mesma que manifestamos no seu día referendada negativamente polos traballadores. Neste contexto e ante a posibilidade de que sexa asinada o próximo martes polas restantes partes como conclusión para o Acordo do Convenio Colectivo, a nosa decisión será debatida diante dos traballadores do sector o próximo luns na concentración pola folga do dia 19, diante das portas do Xulgado, tal e como corresponde ao noso compromiso adquirido reiteradamente nas asembleas do convenio, e como obriga o noso modelo sindical participativo.

cig.prensa@galizacig.com