A ultima hora da mañá deste luns reuníase a Mesa Xeral da Función Pública para tratar como único punto da orde día, o capítulo I do proxecto de orzamentos no relativo, entre outros aspectos, ás retribucións e reposición de efectivos do persoal da Xunta de Galiza.
A proposta presentada implica continuar coa redución salarial dos empregados/as públicos/as nunha media dun 5% e a redución das pagas extra en máis do 30%; limitar a oferta de emprego exclusivamente ao 10% da taxa de reposición, incluíndo á Sanidade e o Ensino, e non recolle sequera unha cláusula de revisión salarial.
Mantense e afóndase na redución salarial
Na Mesa Xeral da Función Pública, os representantes da área pública da CIG (Administración, Ensino e Sanidade) denunciaron o “desprezo” e “desconsideración” da Xunta de Galiza con todos os seus traballadores e traballadoras, xa que se impediu calquera posibilidade de negociación.
A CIG entende que foi unha convocatoria feita exclusivamente para cubrir o expediente, como así o demostrou o seu desenvolvemento e a negativa a aceptar calquera tipo de proposta e manifestou que non está disposta “a ser cómplice desta política económica e laboral encamiñada a deteriorar os servizos públicos mediante a súa progresiva redución e privatización, desmantelamento de servizos e reducindo os seus cadros de persoal”.
Neste sentido, os representantes da central sindical manifestaron o seu rexeitamento, na medida en que se continúan a reducir os salarios de todos os empregados e empregadas públicos/as de Galiza, que se verán reducidos, para o ano 2012 nunha media dun 8,4% (o 5% consolidado máis o 3,4% de IPC galego a mes de setembro 2011), e se se suman as reducións xa realizadas neste ano 2011, estaríamos a falar dunha redución real dun 15,60% nestes dous anos; a redución en máis do 30% das pagas extra; a limitación da taxa de reposición ao 10%, que na práctica suporá que non haxa oferta de emprego público para o vindeiro ano e a ausencia de cláusula de revisión salarial.
A isto engádese a conxelación do fondo de Acción Social, así como a suspensión, durante o ano 2012, de todos os acordos de carácter retributivo que supoñan unha mellora respecto do consignado nestes orzamentos, en calquera ámbito.
Proposta da área pública da CIG
Fronte a isto, a CIG propón:
- A restitución dos salarios, cunha suba salarial de, como mínimo, o IPC real; un plan plurianual que permita recuperar a perda de poder adquisitivo acumulada nos últimos anos, que superou, por termo medio o 15%; a inclusión da cláusula de revisión salarial e ofertas de emprego que, como mínimo, teñen que abranguer o 100% da taxa de reposición.
- Rexeitamento os contratos a tempo parcial no Ensino, rexeitamento do uso e abuso da contratatación de persoal laboral de carácter temporal para a realización de obras e servizos polo capitulo de investimentos, rexeitamento do uso e abuso das acumulacións de tarefas mediante a contratación temporal de persoal laboral e o nomeamento de persoal funcionario interio ses adscricición a praza.Solicítase por parte de CIG a creación en RPT das prazas que son imprescindibeis para o funcionamento dos servizos.
- Recuperación e actualización de acordos suspendidos no ano 2009, en concreto o Plan Mellora e o Plan de Saúde Mental entre outros, (Sergas 2008-2012)
- Recuperación da carreira profesional, tamén no SERGAS, e os acordos retributivos e de organización de persoal.
A CIG manifesta ademais que non se pode xustificar o traslado ás costas dos traballadores/as da administración das consecuencias desta crise provocada polo capitalismo neoliberal, que a quen máis afecta é á clase traballadora.
Para enfrontar esta crise sen que sexan os traballadores/as quen teñan que pagala, a área pública da CIG defendeu a adopción de toda unha serie de medidas, entre as que salientan a reforma fiscal para que muden as políticas impositivas, obrigando a pagar máis a quen máis teñen; a redución dos gastos militares; a supresión do plus de altos cargos; atacar a fraude fiscal; apostar por unha banca pública; reducir os concertos educativos e manter os libros de texto en galego...
Sanidade e Ensino e servizos sociais
Para a CIG é especialmente grave que, non só se limite a taxa de reposición ao 10% no conxunto da administración, senón tamén que se aplique esta taxa á Sanidade e ao Ensino, servizos sociais, servizos básicos para os que se impide, na práctica, que haxa unha oferta de emprego, reducindo os seus cadros de persoal e provocando unha maior precarización das condicións laborais ao incrementar a taxa de interinos.