O paro, convocado polo Comité da UTE-Langosteira, desenvólvese dende as 08:00 horas deste luns até a mesma hora do martes, en solidariedade coa familia do traballador de Grúas Usabiada falecido o pasado venres mentres operaba nas manobras de desmontaxe dun guindastre das obras do porto exterior e para denunciar as carencias nas medidas de seguridade.
A CIG xa demandou, ao pouco de coñecer o fatal sinistro, a dimisión dos máximos responsábeis da Autoridade Portuaria en materia de seguridade e adiantou que levará a cabo todas medidas legais e xudiciais que estean aos seu alcance para depurar responsabilidades por este accidente. De feito, foi a propia central sindical a que tivo que informar do accidente á Inspección de Traballo na tarde do venres.
A Unión Comarcal da CIG da Coruña xa presentou denuncia ante a Inspección Provincial de Traballo polos graves incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral nas obras do porto exterior, cometidos tanto pola UTE-Langosteira como por Grúas Usabiaga, no momento do accidente. A este respecto cómpre destacar que as tarefas de desmontaxe da grúa estábanse realizando sen as medidas específicas de seguridade, sen a presenza de recursos preventivos da UTE nin da empresa supervisando estas labores e sen a presenza de ningún encargado de Grúas Usabiaga. Así mesmo, a zona de traballo non tiña estabelecido ningún perímetro de seguridade ante caídas de elementos.
En canto á viga que esmagou ao traballador causándolle a morte, esta non formaba parte da grúa, senón que estaba sendo utilizada nas tarefas de desmontaxe da mesma como palanca para desmontar os bolóns que unen os tramos da estrutura do guindastre, mais sen acometer as suxeicións adecuadas para evitar precisamente este tipo de situacións de risco.
A maiores da denuncia na Inspección, a CIG solicitou á Xefa Provincial deste organismo que reciba á central sindical e ao Comité da UTE-Langosteira e demandou da Autoridade Portuaria que convoque con carácter de urxencia a Mesa de Seguridade de Langosteira.
Reiteradas denuncias polas carencias en seguridade
A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións a falta de medidas de seguridade, e o relaxamento das mesmas, nas obras do porto exterior e as eivas dos protocolos a seguir. Ademais, a central sindical xa alertou reiteradamente que a maquinaria coa se está a traballar non reúne as condicións mínimas de seguridade.
Cómpre lembrar que hai uns meses dúas grúas que operaban en Punta Langosteira caeron con poucas semanas de diferenza sen que até o momento se teñan esclarecido as causas destes sucesos. Naquel entón, a Unión Comarcal da CIG na Coruña xa advertira que o mantemento da maquinaria non era o adecuado para a cantidade excesiva de horas de traballo sen descanso que se realizan e, ao mesmo tempo, denunciaba a imprudencia e temeridade amosada pola Autoridade Portuaria e a UTE en materia de seguridade.
Este accidente, de gravísimas consecuencias, volve demostrar as graves carencias e os incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral existentes nas obras de Punta Langosteira; situación especialmente agravada nos últimos tempos dada a premura que se imprimiu ás obras para rematalas o antes posíbel.