Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 17/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

15.000 persoas piden en Ferrol políticas alternativas e medidas que permitan a recuperación socioeconómica da comarca

As centrais sindicais denuncian as políticas de recortes aplicadas polos gobernos do PP, que só agravan a situación de recesión e provocan máis paro
Arredor de 15.000 persoas tomaron as rúas de Ferrol na tarde deste mércores para reclamar políticas alternativas pensadas no interese da maioría social e na contra das medidas de recortes aplicadas polos gobernos do PP no estado e na Galiza, “que están a provocar o maior retroceso en dereitos laborais e sociais que se lembra”. As organizacións sindicais CIG, UGT, CCOO e USTG subliñaron que esas políticas de axustes teñen unha especial incidencia na comarca de Ferrolterra, agravando máis a recesión e provocando unha destrución continúa de emprego, e deixando sen apoio sectores produtivos básicos.

A marcha, que se desenvolveu baixo o lema “Queren afundir a Comarca. Impidámolo” e foi convocada polas centrais sindicas CIG, UGT, CCOO e USTG, partiu pouco despois das 20:00 horas dende o Inferniño e contou tamén coa participación do Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo. Na manifestación puidéronse ver faixas alusivas aos recortes en servizos básicos (servizos sociais, sanidade, ensino), á crítica situación do sector naval, á demanda do dique flotante, á falta de saneamento da ría, ou relativas aos recortes aplicados aos empregados/as públicos/as e ás empresas da comarca que atravesan dificultades, como é o caso de Poligal ou Privilege.

O co-responsábel da CIG en Ferrol, Manel Gradal, destacaba a necesidade de mobilizarse contra as políticas de recortes do PP, xa que estas so agravan a crise e provocan máis destrución de emprego. Ademais, Grandal  asegurou que os Orzamentos Xerais do Estado para 2013 volven deixar á comarca “totalmente desamparada. Unha comarca que xa está no récord de parados/as, que nin infraestruturas ten e á que lle secan a única fonte para crear emprego, o naval”.

A este respecto, criticou as declaracións realizadas polo candidato do PP á Xunta, Alberto Núñez Feijoo, durante o mitin que deu o martes en Ferrol, responsabilizando en exclusiva á Navantia á hora de conseguir nova carga de traballo. “O Partido Popular cargouse a toda a dirección de Navantia e agora teñen a valentía de vir a Ferrol a dicir que Navantia mova o cu. Isto xa é un desprezo absoluto aos traballadores e traballadoras do naval”. censurou.

En canto ás perspectivas da reunión da Comisión de Seguimento convocada para o día 24, Grandal apuntou ao significativo da data -pasadas das eleccións galegas- e amosouse escéptico co resultado. “Supoñemos que unha vez máis adiarán a cuestión aducindo problemas de financiamento, etc., etc.”. Por iso, apuntou que, ou sae algo positivo da reunión, ou o naval terá que reconducir a situación.

Grandal tampouco esqueceu referirse aos continuos cambios e incertezas sobre os contratos coa petroleira mexicana Pemex. “Primeiro era Pemex, logo PMI e agora resulta que os contratos son con Pemex Norteamérica, que non ten cadro de persoal e a sede está nas illas CaimánAo remate da marcha na Praza de Armas Antón Cortizo, foi o encargado de dar lectura ao manifesto conxunto que pasamos a reproducir:

Manifesto 17 de Outubro

Boa tarde a todos e todas e grazas pola vosa participación nesta mobilización convocada polas organizacións sindicais CIG, UGT, CCOO e USTG en defensa desta comarca.

Hoxe, 17 de outubro, data na que se celebra o Dia Mundial contra a pobreza, mobilizámonos nesta comarca para impedir que a afundan. Para impedir que as persoas que vivimos e traballamos nesta comarca pasemos a formar parte dos cerca de 1.300 millóns de persoas en todo o mundo que viven na pobreza extrema e os 1.000 millóns que pasan fame e non teñen acceso a auga potable, nin a servizos básicos como a sanidade e a educación.

Neste pais as políticas de recortes desenvolvidas polos gobernos do PP no Estado e en Galiza que están a provocar o maior retroceso en dereitos laborais e sociais que se lembra, están a xerar case un millón de novos pobres o ano: xa son mais de 12 millóns e medio de persoas que viven na pobreza e en risco de exclusión social.

O Goberno español, así como a Xunta de Galiza, presidida polo señor Feijóo, cumprindo fielmente, e incluso indo máis aló, coas directrices que en política económica e social lle marcan institucións como o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional ou a Comisión Europea, só favorecen os intereses da banca, das empresas multinacionais e dos especuladores, transferindo os recursos públicos e da clase traballadora para incrementar os beneficios do capital a custa de recortarnos dereitos e calidade de vida á maioría social.

E estamos aquí, en Ferrolterra, onde esas políticas a aplicar polos gobernos central e Autonómico do PP, teñen unha especial incidencia, agravando máis a recesión, o que está a provocar a destrución continua  de emprego, e a emigración masiva dos nosos xoves, algo que non se pode permitir unha comarca que nos tres últimos anos perdeu 17.000 habitantes.

A reforma laboral aprobada polo PP,  confirma estas aseveracións. Ao contrario do que sostén o discurso oficial, esta reforma non ten como finalidade crear emprego, xa que foi pensada para facilitar e abaratar o despedimento, proporcionarlle man de obra barata ás empresas e debilitar a clase traballadora fronte á patronal, ao deixala sen dereitos e sen mecanismos de defensa.

Rajoy e Feijoo lévannos pola senda do suicidio colectivo, que nos fará retroceder moitos anos. E esta situación, lonxe de mudar, vaise agravar mais á vista dos últimos orzamentos que se acaban de presentar, nos que Galicia e a Comarca, unha vez máis, sofren importantes recortes.

Máis de 20.000 desempregadas e desempregados, e un recorte do 35% en políticas de emprego, así como nas prestacións para as 10.000 persoas que as cobran.

Os preto de 55.000 pensionistas da comarca de Ferrolterra verán como a súa pensión sofre unha perda do 5% do seu poder adquisitivo en dous anos, ao non actualizarse en base o IPC real, incumprimento flagrante da lei.

Nova redución salarial para preto de 15.000 empregadas/os públicos da comarca e, ademais, quitándolles a paga extra, o que significa 24 millóns de Euros menos dos que claramente se resentirá o comercio, a hostalería, etc, todos eles xa dabondo bilipendiados polas políticas do PP.Redución dun 40% en políticas sociais, esas que teoricamente están dirixidas a evitar a exclusión social.

Recortes nos servizos públicos esenciais : sanidade, educación, benestar, igualdade, etc, nunha clara aposta pola súa privatización.Illamento da comarca, sen inversións en infraestruturas e vías de comunicación, cun servizo ferroviario a punto de desaparecer por falla de axudas e inversións públicas e sen intermodalidade no porto, nin estrada á  costa, pese as reiteradas promesas, incumpridas unha vez máis.

Sen apoio claro ao mantemento da actividade naval, sen dique flotante nin levantamento do veto á construción civil, sen impulso os sectores produtivos, sen saneamento da ría, etc.

Recortes, promesas incumpridas e mentiras forman parte da acción dos gobernos central e galego nesta comarca, e os traballadores e traballadoras, autónomos, pequenos comerciantes, pensionistas e xubilados, mulleres, estudantes e un longo etcétera, somos as vítimas que as súa política vai deixando polo camiño da crise.

Diante deste panorama tan duro para a clase traballadora e para a maioría social só cabe a protesta e a mobilización, desde o firme convencemento de defensa da nosa dignidade e dunhas condicións de vida e de traballo dignas para os nosos fillos e fillas, pero tamén desde a seguridade de que existen alternativas a estas políticas e a este modelo económico.

Alternativas que pasan, entre outras cousas, por rematar coa especulación coa débeda pública, crear unha banca pública, facer unha nova política fiscal para que paguen máis os que máis teñen e que remate coa fraude fiscal, incrementar o investimento público e mellorar o poder adquisitivo dos salarios.

Estas políticas serían máis xustas, solidarias, democráticas, favorábeis aos intereses da maioría social e si axudarían a crear emprego, a saír da crise e a garantir os dereitos fundamentais ao conxunto da poboación.

Os dereitos, os servizos e os sistemas públicos de protección social, a calidade de vida que hoxe temos, que debemos mellorar e universalizar, non nos foron regalados polos poderes económicos. Foron conquistados con moito esforzo e sacrificio de xeracións de traballadores e traballadoras.

Non podemos permitir que banqueiros, especuladores e burgueses, a extrema dereita española capitaneada por Aznar, Rajoy, Feijóo e Cospedal, nolos quiten e, por riba, nolo vendan como se o estivesen a facer polo noso ben e na defensa dos máis desfavorecidos/as. Unha vez máis a dereita minte, manipula e ponse do lado dos intereses de clase que realmente representa e que son os da oligarquía española.   

Temos que manter viva a contestación social para defendernos agora e poder recuperar o perdido despois O vindeiro domingo temos unha oportunidade que non debemos desaproveitar.. O exercicio da democracia, do voto, esa democracia que tamén nos están a secuestrar e pola cal, non o podemos esquecer, na nosa comarca hai 40 anos derramouse o sangue de dous compañeiros. 

O día 21 de outubro, a clase traballadora galega e o conxunto da cidadanía temos a palabra  para  decidir se validamos as políticas do PP —que nos levan ao desastre e á ruína social— ou, pola contra, se lles damos a oportunidade a outras opcións políticas que teñan as persoas como referente e obxectivo central das súas actuacións.

Instamos a cidadanía á reflexión serena e a que depositen a súa confianza nas organizacións dispostas a enfrontar as políticas do PP, que aposten claramente por unha política de esquerdas e en beneficio da maioría social. Aquelas organizacións que teñan claro que a única maneira de saír de esta crise pasa por unha aposta decisiva polos nosos sectores produtivos básicos.      

Reivindicamos a participación nas eleccións de todos e todas, en especial de quen se achega ás urnas por primeira vez. Este é o medio para transmitir que a sociedade está viva e que as traballadoras e os traballadores temos propostas políticas para saír desta crise que tanto dano lles fai ás persoas

Queren afundir a Comarca. Impidámolo. Non deixemos que os poderosos decidan por nós, os traballadores e as traballadoras.

Existen alternativas. Sempre houbo alternativas a este sistema económico, pero hai que conquistalas.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com