Na presentación estiveron Xurxo Martínez Crespo de CIG-Migración, Felipe Senén López, técnico cultural e testamenteiro de parte da obra de Xosé Sesto, Edorta Jiménez, tradutor da biografía de Xosé Sesto para o éuscaro e presentador do hoxe falecido académico da lingua vasca que foi tradutor dos poemas de Sesto para o éuscaro, Juan San Martín. Tamén estiveron presentes Raúl Río, directivo da Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo e Andrés Urrutia, presidente da Euskaltzaindia e tradutor para o éuscaro do libro de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego/Mutiko baserritar baten oroitzapenak.
Xurxo Martínez Crespo falou da breve tradición dos textos cuadrilingües, nas cuatro linguas oficiais do Estado español, iniciada polo poeta vasco Gabriel Aresti coa súa editorial Kriselu (o cándil) en Euskal Herria e o marabilloso libro Catro fábulas de Tomás Meabe no que xa na súa capa advertía “Pecha os ollos Tomás Meabe, pestana contra pestana, só é español quen sabe, Meabe, as catro linguas de España”.
Martínez explicou que a tradición dos textos cuadrilingües continuou coa editorial Akal en Madrid da man de Xesús Alonso Montero, no nacente sistema político após a ditadura. Pero o esforzo non durou máis de tres libros. Gabriel Aresti morreu e o teórico Estado federal-plurinacional e plurilingüe rematou nunha descentralización con nome ridículo en un Estado que creou o eufemismo das nacionalidades históricas para non recoñecer a identidade nacional de galegos, cataláns e vascos; de máis está dicir que a suposta “riqueza lingüística” do Estado español só é practicada polos galegos, cataláns e vascos que falan as súas respectivas linguas e non polos españois que as defenden nos discursos sen saber falalas atacando e sinalando coma unha imposición a súa aprendizaxe.
Felipe Senén fixo un percorrido pola figura de Xosé Sesto e pola cultura galega actual e as relacións de irmandade co pobo vasco. Falou da macdonalización da cultura galega, a excesiva identidade co castelán do galego normativo e a pobreza cultural da grella televisiva da canle pública galega que cos seus estereotipos do galego chocalleiro, aínda mergulla máis na indecencia e na pobreza mental a identidade como pobo das galegas e dos galegos.
“As aldraxes á identidade galega desde os poderes públicos son totalmente planificadas dentro dun esquema de desprezo e complexo das clases dirixentes do partido no poder que atende aos designios de Madrid e ten como modelo unha cultura do adefesio, do novoriquismo e do espectáculo-faraónico”, indicou.
O escrito vasco Edorta Jiménez fixo un percorrido pola figura do hoxe falecido académico da lingua vasca, o antropólogo Juan San Martín, tradutor dos poemas de Xosé Sesto para o éuscaro.