Os traballadores/as e delegados/as do naval interromperon a circulación por espazo de dúas horas na Avenida de Beiramar para protestar pola falta de solucións á grave crise que atravesa o sector. Continúan deste xeito as mobilizacións que con anterioridade os levou a ocupar o Concello de Vigo e a facerse escoitar nos mitins que os candidatos á Presidencia do Goberno español de PP e PSOE organizaron na cidade.
Dende a CIG criticaron que a falta de vontade política das Administracións española e galega está a agravar aínda máis a delicada situación que vive a industria despois da suspensión do sistema de bonificación fiscal coñecido como tax lease. Diante disto, reclaman unha aposta clara por un sector fundamental para Vigo e estratéxico para o conxunto do país.