Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 17/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Nova xornada de paros e concentracións en SYKES contra a deslocalización

A empresa pretende despedir a 300 traballadores/as do centro de Agrela
Os traballadores e traballadoras de Sykes Enterprises secundaron o pasado luns 15 de febreiro unha nova xornada de paros e concentracións, convocada pola CIG. As protestas, que dan continuidade ás mobilizacións iniciadas a pasada semana, desenvolvéronse nas dúas quendas de traballo en contra das pretensións da empresa de despedir a 300 persoas e contra a deslocalización do centro de traballo.

A medida de protesta adoptouse diante da ruptura das negociacións decretada de xeito unilateral pola empresa e co obxecto de promover un Plano de Emprego e de Futuro que permita manter o actual cadro de persoal, uns 600 traballadores/as. Así, o pasado día 9 tiveron lugar os primeiros paros e concentracións, que se volveron repetir este luns. Ademais, se non se avanza unha solución por parte da empresa, o vindeiro 23 de febreiro haberá novas protestas.

Sykes Enterprises comunicou o inicio de despedimentos masivos como resposta a unha suposta baixada na contratación dos servizos de atención telefónica que presta a Vodafone, despedimentos que pretende amortizar dun xeito barato mediante baixas incentivadas e que afectarían a 128 persoas. A maiores, a multinacional anunciou o peche do servizo 1004 de Telefónica, que suporía o despedimento doutras 180 persoas.  

Para a CIG queda patente que nos atopamos diante dun despedimento colectivo para facilitar a deslocalización do centro de traballo, discriminando, ademais, os/as afectados/as polo peche do servizo 1004 dos traballadores/as de Vodafone. Por este motivo, dende a central esixiuse á Sykes que presente a documentación precisa para a negociación transparente dun ERE destas características. Non obstante, a resposta da empresa limitouse á ruptura unilateral das mesas de negociación.

cig.prensa@galizacig.com