Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 17/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Asemblea de delegados e delegadas da CIG na Coruña.

Asemblea de delegados e delegadas en Ferrol.

Centos de delegados/as da CIG mobilízanse en Vigo, A Coruña e Ferrol en defensa das pensións públicas

A central continuará coas protestas e non descarta convocar unha manifestación en Madrid coincidindo co trámite parlamentario da reforma
Centos de delegados e delegadas da CIG saíron hoxe á rúa en Vigo, A Coruña e Ferrol no marco da campaña que a central está a desenvolver en todas as comarcas do país en defensa do emprego e contra a reforma do sistema público de pensións. As mobilizacións tiveron lugar despois das asembleas organizadas para valorar a folga xeral do pasado 27 de xaneiro, analizar o pacto social entre Goberno e sindicatos españois e abordar a convocatoria de novas mobilizacións, entre as que non se descarta unha manifestación en Madrid en abril, coincidindo coa tramitación parlamentaria da reforma das pensións.

En Ferrol a mobilización consistiu nun pasarrúas con música. Os participantes levaron unha maleta de viaxe para simbolizar que a única saída que queda aos traballadores/as da comarca é a emigración. A marcha pasou polo edificio da Xunta, onde se rexistrou un escrito dirixido ao presidente do Goberno galego recriminándolle a falta de cumprimento dos compromisos en materia social e laboral. Dende alí continuou até o Concello, onde se entregou outro escrito, esta vez dirixido ao presidente do Goberno español. Finalmente, trasladouse até a cociña económica para facer entrega dun lote de alimentos, e rematou cunha concentración diante da entrada principal de Navantia, onde se deu lectura ao manifesto. Pola súa banda, na Coruña despois da asemblea celebrouse unha concentración fronte á Delegación do Goberno.

Na asemblea e na manifestación de Vigo -que partiu de Vía Norte e rematou no cruce das rúas Colón e García Barbón- participou o secretario xeral da CIG, quen cualificou de “insultante” que “se pretenda vender” o acordo social como unha medida que vai favorecer aos parados/as e pensionistas, cando se caracteriza por plasmar as propostas de Goberno e patronal. “Un pacto destas características, supostamente en contra da crise e para crear emprego, non toca aspectos fundamentais para encetar un cambio de modelo económico e social”, denuncia. “O pacto é unha entrega do sindicalismo estatal ao poder e que en nada favorece á clase traballadora, nin á creación de emprego nin á saída da situación de crise económica”, sostén.

Suso Seixo apuntou tamén que co acordo acadáronse os dous grandes obxectivos do Goberno, dando conta dos intereses da oligarquía financeira: dificultar o acceso ás pensións e reducir a contía das mesmas. Por iso asegurou que atrasar a idade de xubilación até os 67 anos, incrementando os anos de cotización até os 38,5 para poder xubilarse aos 65 anos como na actualidade, e subir o período para calcular a base reguladora dos 15 aos 25 anos, “déixanos no peor dos escenarios posíbeis”. Ademais, esta última medida suporá unha perda media dun 20% nas contías das pensións futuras.

Políticas de emprego

Así mesmo, criticou os dous aspectos estrela das políticas activas de emprego recollidas no documento: o contrato a tempo parcial bonificado para menores de 30 anos e as axudas vinculadas á formación para os parados/as que esgotaron as prestacións. No primeiro, entende que esta bonificación supón un novo mecanismo destinado a facilitar man de obra barata para a patronal, xa que, como demostra a experiencia, os/as empresarios contratan persoal cando o precisan, mais non porque a contratación estea subvencionada. Ademais, este tipo de bonificacións non crea emprego estábel nin de calidade, senón que unicamente deriva recursos públicos para a patronal.

No relativo á axuda do 75% do IPREM para parados de longa duración que esgotaron as prestacións, a obriga de participar en cursos de formación limitará o acceso ás mesmas. Na práctica, con esta medida as organizacións sindicais españolas aceptaron a desaparición da axuda (con carácter xeral) dos 426 euros a cambio de asumir unha prestación vinculada á realización de cursos de formación que dependerá de que a propia administración os oferte.

Negociación colectiva

A nivel da negociación colectiva, aínda que o acordo só recolle unha breve declaración, tócanse aspectos que para a CIG resultan preocupantes, como o mantemento do cumprimento do acordo estatal de negociación colectiva (2010-2012), asinado a principios do ano pasado, que estabelece un incremento salarial máximo do 1% para 2010. Tendo en conta que o IPC situouse no 3%, nestes momentos, os traballadores/as xa está perdendo poder adquisitivo.

Outro aspecto abordado no acordo refírese á reforma da estrutura da negociación colectiva, facendo referencia ás necesidades de potenciar os convenios de empresa, seguindo o modelo que pretende a patronal: grandes convenios estatais e convenios de empresa, co obxectivo de ir pouco a pouco eliminando contido a negociación provincial.

Finalmente, e fronte aos ataques do capital e a aplicación de todas estas medidas regresivas, o secretario xeral da CIG apelou a traballar para construír dende o socialismo un novo modelo económico e social máis xusto, solidario e democrático que sexa favorábel aos intereses da clase traballadora.

cig.prensa@galizacig.com