Os feitos sucederon na tarde deste mércores cando Adolfo Naya se personou na Xefatura Superior de Policía respondendo a unha chamada da policía solicitando a súa comparecencia. Unha vez alí, os axentes proceden a ler os dereitos ao sindicalista da CIG e se lle comunica que está acusado dun suposto delito de coaccións que tería acontecido no decurso da folga de instalacións deportivas. Posteriormente, Naya foi trasladado á comisaría de Lonzas para ser fichado e agora será o Xulgado de Instrución quen continúe co caso.
A CIG rexeita completamente estas actuacións abusivas, as falsas acusacións e a violación de dereitos fundamentais, a través da que se busca represaliar e criminalizar a loita exemplar que levaron adiante os traballadores e as traballadoras de instalacións deportivas. Neste senso, hai que lembrar que a pasada semana o Secretario comarcal da CIG-Servizos, Salvador Cerqueiro, sufría unha detención semellante e que varios delegados da central foron identificados, horas despois de suspenderse a folga e de terse acadado un preacordo coa patronal.
Dende a central denúnciase esta persecución e represión contra a CIG como sindicato que de forma máis combativa estivo cos traballadores/as durante o tempo que durou o conflito e a criminalización dos traballadores e traballadoras que loitan na defensa dos seus dereitos. A CIG tamén amosa, unha vez máis, a súa repulsa polo afán que están a amosar os gobernos á hora de reprimir as loitas obreiras na Galiza.