Comezaba o secretario nacional da federación da Construción avaliando a acción do Auditorio, que foi "positiva, xa que ali de onde puidemos ter referencia, con maior ou menor repercusión, quedou recollida a nosa pretensión de trasladar aos medios a problemática coa que se encontra o sector". Valorizou especialmente o feito de ter paralizado totalmente as obras ao longo de toda a xornada, a consecuencia da asemblea que se deu entre traballadores en activo e traballadores desempregados, e salientou "a confraternidade que se viviu, e iso é moi positivo, porque non imos caer en enfrontamentos, mobilizámonos contra os responsábeis desta situación, non contra os traballadores que a padecen".
Resposta ao alcalde
Sobre a resposta do alcalde de Vigo, trasladando a responsabilidade á empresa construtora do que acontece nas obras do Auditorio, Melón lamentou que o alcalde "non entendera nada, porque está cego e obsesionado cos prazos da obra, e pouco lle importan que se incumpran as condicións fixadas no convenio e que haxa casos de semiescravitude".
"Entendemos que é unha actitude covarde, porque o concello de Vigo e titular e responsábel da obra, e el como máximo representante do Concello ten moito que dicir do que está a acontecer. Para sacar fotos como sacou hai 15 dias e falar de prazos si que é o propietario da obra", engadiu.
Ademais desvelou outra contradición do alcalde, xa que as tres centrais sindicais asinaran un acordo co concello para vixiar en canto ao cumprimento da seguridade nas obras do Plan E, e o alcalde xa lanzou a posibilidade dun novo acordo, no que este seguimento tamén se faga nas obras do concello.
Obras do Plan E
Sobre este seguimento das obras do Plan E, Melón indicou que os resultados non son totalmente satisfactorios "polos vicios que xa veñen de atrás, polo papel importante dos técnicos municipais que deciden e controlan todo, e porque nós fomos máis alá, porque alí onde hai exceso de xornada e incumprimento do convenio para a CIG tampouco hai saúde laboral".
Novas accións
Anunciaron que de xeito formal na xornada do xoves 18 de marzo se van dirixir aos tres grupos municipais do concello de Vigo para "explicar o sentido da nosa acción e trasladar as nosas demandas", e tamén adiantaron que a próxima acción de protesta se realizará nunha obra da Administración autonómica, que tamén está a incumprir a legalidade.
Fraude fiscal
O fraude fiscal que supón este tipo de incumprimentos do convenio foi outra das cuestións abordadas nesta rolda de prensa, e lanzouse o concepto do triple fraude, polo exceso de horas non declaradas a Facenda, porque non se recolle nas nóminas e non se cotiza na Seguridade Social, e polo desemprego que xera este circuito, que aumenta o número de persoas que cobran do INEM.
O secretario nacional da CIG-Construción apostou por aplicar outros métodos de traballo en tempos de crise: "Hai volume de traballo suficiente, partindo do reparto de traballo para todos e do cumprimento do convenio".
Por último, chamou a corrixir estas irregularidades, e "se houbera vontade, esta seria a verdadeira reforma do mercado laboral, sen que os traballadores perderan dereitos".
Alberte Fernández, secretario comarcal da CIG-Construción, incidiu en que esta campaña de denuncia xa comezará hai máis dun ano, e que son moitas ás institucións como a Fegamp ou á Xunta, á que se teñen dirixido desde a central sindical nacionalista para solucionar que "ao abeiro da crise as empresas instalen condicións draconianas en canto xornada e salarios para o persoal".
Obras do AVE
Como exemplo utilizou as obras do AVE, onde está constatada esta realidade mesmo pola Inspección de Traballo, onde cada traballador perde máis de 6.000 euros ao ano, porque pagan por hora de 6,50 a 7,20 a hora, cando no convenio colectivo sae a algo máis de 9 euros a hora.
"As situacións denunciadas son preocupantes porque degradan a condición de vida dos traballadores, e por iso ampliaremos as mobilizacións até que se nos teña en conta, porque o sector da Construción vive unha situación moi difícil, cunha saída complexa pola falta de recolocación e porque non se vai recuperar a actividade ao nivel que estaba", concluía.
Salarios un 40% máis baixos
Xulio Vicente, da Executiva Nacional da CIG-Construción, criticou que no 2010 os salarios sexan un 40% máis baixos que no 2007, xa que " a ningún traballador se lle ofrece salario segundo marca o convenio, e se se cumprira o convenio habería un 30% máis de emprego no sector, co que teríamos solucionado o problema do desemprego".